Trasno lanza unha nova actualización do corrector ortográfico libre para a nosa lingua

mércores, 30 de outubro do 2013 Redacción

Os días pasados o Proxecto Trasno anunciou a publicación dunha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para galego e do engadido para tirarlle partido co navegador aberto Mozilla Firefox. Estas nova versión do corrector non é outra que a 13.10, coñecida xa co sobrenome de Padre Sobreira polo noso colectivo de tradutores, usuarios e desenvolvedores de software libre. Os traballos de adaptación á nosa lingua contaron coa coordinación de Antón Méixome e con importantes contribucións de Adrián Chaves. Con esta publicación, informa Manconúm reflectindo fontes de Trasno, preséntase unha salientábel actualización do corrector e que podemos empregar xa con LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird e Chromium ademais de diversas aplicacións privativas.
Sinalar que Hunspell é a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego. Entre as novidades que achega inclúense a refeitura do código de xeración do dicionario, o engadido de novas fontes (especialmente derivadas da Galipedia), a incorporación de suxestións da comunidade, o agregado de ducias de regras de suxestións para erros frecuentes, o amaño de erros de morfoloxía e afinación de determinadas conxugacións verbais e unha completa recollida de datos histórico sobre o desenvolvemento informático en cuestión.
Por certo que a descarga do corrector pode facerse dende o blog da comunidade de tradución ao galego das suites ofimáticas libres. En LibreOffice ou OpenOffice engádese o corrector como unha extensión máis. En LibreOffice Writer teríamos que facer clic en “Ferramentas” -> “Xestión de extensións” e seleccionar o ficheiro descargado antes (hunspell-gl-13-10.oxt.zip). Segundo informa Trasno, é recomendábel que comprobemos que no Xestor de extensións o corrector estea activado e que cando se queira usar o corrector que a lingua do documento sexa o galego (na barra inferior da xanela de LibreOffice e OpenOffice indícase a lingua do documento). Para poder empregalo no navegador web Mozilla Firefox é preciso instalar un dos dous engadidos dispoñibles grazas ao traballo de damufo:
· Corrector comunidade que inclúe achegas da comunidade e outra que só contén os termos recollidos.
· Corrector VOLGa que só contén os termos recollidos polo VOLGa (Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega).

PUBLICIDADE