Trasno xuntará en Santiago a tradutores de software libre galegos, vascos, cataláns, asturianos e aragoneses

mércores, 9 de xullo do 2014 Redacción

O outono preséntase máis que interesante en materia de eventos. Sen ir máis lonxe, os pasados días dimos conta dende Código Cero do congreso sobre hacking ético que se vai desenvolver os días 8 e 9 de novembro e agora é a quenda de visualizar un evento que tamén atinxe xeitos independentes e alternativos de interpretar e amosar as novas tecnoloxías da información. Desta volta, afondando na importancia de reivindicar a diversidade lingüística da Rede apoiándonos nun concepto que adoita ir ligado (case sempre) a esta diversidade: o concepto de informática sen barreiras. Trátase do Encontro Ibérico de Tradutores de Software Libre en linguas minorizadas.
O evento, no que participarán arreo diversos grupos de tradución de ferramentas TIC (galegos, vascos, cataláns, asturianos e aragoneses), adoptará boa parte dos requisitos e características do software libre: é libre, aberto e de balde. A cita será no Centro de Novas Tecnoloxías de Compostela entre os días 4 e 5 de outubro. Na organización atópanse os responsábeis do Proxecto Trasno, comunidade de voluntarios que centra unha boa parte dos seus esforzos en trasladar ao galego todo tipo de software libre, amais de distribuílo e amosalo en diversos eventos. No encontro tamén participan Librezale (Euskal Herria), Softcatalá (Catalunya), Softastur (Asturies) e Softaragonés (Aragón). O obxectivo desta xuntanza, sinalan, “é acadar unha posta en común da problemática específica dos grupos de tradución do software libre á linguas minorizadas e/ou en risco de desaparición; así como iniciar unha relación de colaboración e posta en común de recursos que axude a mellorar o rendemento e a calidade dos traballos”. Polo que respecta ao miolo do encontro, os organizadores fan saber que “as mesas sectoriais organizaranse por grupos de traballo, nos que participaran todas aquelas persoas que sendo integrantes, por asociación ou colaboración, dos grupos organizadores, teñan interese no tema da mesa. aquelas persoas non integradas en grupos ou asociacións, poderán asistir como convidadas.”

PUBLICIDADE