Twitch inicia a transición de Flash a HTML5

xoves, 23 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Aínda que a tecnoloxía Flash foi un dos motores do vídeo na Internet, o seu mal funcionamento en dispositivos móbiles levou a que pouco a pouco fose deixándose de lado (ao que tamén contribuíron os seus moitos fallos de seguridade que provocaron grandes ameazas informáticas) e agora o popular servizo de streaming de videoxogos Twitch inicia o redeseño do seu reprodutor de vídeo na web, facendo que os seus controis deixen de funcionar en Flash para traballar co HTML5 e Javascript, como unha fase de transición para unha vindeira actualización na que adoptarán definitivamente o HTML5 como tecnoloxía para a súa plataforma, dicindo así adeus á tecnoloxía de Adobe.
O novo reprodutor está a implantarse paulatinamente nas distintas seccións de Twitch e tampouco chegará a todos os usuarios de vez, pero queda claro que Twitch xa ten un itinerario definido para abrazar o HTML5 como tecnoloxía para levar o vídeo aos seus usuarios.

PUBLICIDADE