Twitter achegará unha selección cos mellores contidos para cada usuario

xoves, 23 de abril do 2015 Marcus Fernández

Para axudar aos usuarios de Twitter que non están as 24 horas pendentes do que se publica está a comezar a espallarse unha nova prestación coñecida como Highlights que recollerá o máis interesante de cada día e entregarao ao usuario mediante notificacións push. Podemos entender esta funcionalidade como un sinxelo sumario de Twitter que escolma os contidos que o sistema considera que son os máis relevantes para o usuario en función da xente á que segue e coa que ten máis relación, ou sexa, que podería considerase como unha versión personalizada dos Trending Topics.
Dado que estes Highlights son intrusivos (chegan a través dunha notificación) o usuario deberán activar esta función expresamente, e cando se reciba a notificación correspondente poderase interactuar coa mesma para acceder aos contidos recollidos dende a aplicación de Twitter, podendo desprazarse o usuarios entre os distintos chíos destacados cun xesto de desprazamento lateral de xeito que ao pasar o último contido recollido volverase á cronoloxía ordinaria de Twitter.
Polo momento esta funcionalidade só está dispoñible para dispositivos móbiles con Android que estean configurados en inglés, e paulatinamente irase espallando a máis plataformas e linguas.

PUBLICIDADE