Twitter estrea mensaxes privadas en grupo e gravación de vídeo dende o móbil

mércores, 28 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Twitter leva meses traballando na incorporación de novidades ao seu sistema que van chegando paulatinamente, e que supoñen cambios no xeito de empregar esta plataforma de comunicación, das que destacan un par de funcionalidades que responden á demanda dos usuarios e ás tendencias do sector: mensaxes directas a grupos e gravación de vídeo directamente dende a aplicación móbil.
Actualmente tanto plataformas como WhatsApp ou Facebook permiten realizar conversas privadas en grupo, facilidade historicamente ausente de Twitter, que por fin se estrea, de xeito que xa é posible continuar unha conversa en privado, evitando así inundar a nosa cronoloxía con comentarios que poden non interesar aos nosos seareiros habituais, e podendo así diferenciar o intercambio ocasional de comentarios das conversas puntuais (cun número importante de mensaxes en pouco tempo). O novo sistema de mensaxes directas permite incluír até 20 persoais á vez.
Máis rechamante é a posibilidade de poder gravar vídeo directamente dende Twitter, o que pode lembrarnos aos pasos dados por Facebook nesta dirección, e que levou á compañía de Mark Zuckerberg a converterse nun auténtico competidor de YouTube. Agora non será preciso recorrer a YouTube ou Vine para publicar un vídeo en Twitter, senón que poderemos empregar a aplicación móbil do servizo para gravar, editar e compartir os vídeos dun xeito sinxelo, comezando pola aplicación para iPhone (funcionalidade que en breve chegará a Android). Continuando a liña habitual de Twitter, con contidos rápidos, os vídeos terán unha duración máxima de 30 segundos.
Estas novas funcionalidades están a difundirse entre os usuarios de Twitter, de xeito que en poucos días deberían funcionar completamente a nivel global.


Vídeo promocional das novas mensaxes en grupo de Twitter

PUBLICIDADE