Twitter estrea unha aplicacións para retransmitir vídeo en directo dende o iPhone
xoves, 26 de marzo do 2015
Hai poucos días emerxeu unha aplicación
chamada Meerkat que permite a retransmisión de vídeo dende o móbil, para
compartir estes streams de vídeo a
través de Twitter, conseguindo grande visibilidade, aínda que a festa podería
durarlle pouco, xa que hai
poucas semanas Twitter adquiriu a startup
Periscope, dedicada precisamente ao mesmo, e hoxe mesmo xa ve a luz como aplicación de
Twitter na App Store, polo que é de prever que consiga consolidarse como a
aplicación de referencia para as transmisións de vídeo en directo apoiado nas
redes sociais.
Periscope leva desenvolvéndose durante
máis dun ano como unha plataforma que facilite “descubrir o mundo a través de
ollos alleos” a través do vídeo en directo, o que permitirá que os seus
usuarios poidan compartir cos seus seareiros en Twitter cando atopan unha
localización fermosa ou incluso cando están no medio dun acontecemento de
grande actualidade (podería converterse nunha ferramenta de grande peso en
protestas cidadás). No momento no que comeza unha retransmisión de vídeo
comunícase a través de Twitter, para que os seareiros do usuario poidan unirse,
podendo nese momento engadir comentarios a través da aplicación e dar corazóns á retransmisión (contribuíndo a
que suba na listaxe de emisións más
queridas).
Entre as vantaxes de Periscope están a posibilidade de poder facer as transmisións
privadas (elixindo quen pode unirse ás mesmas), permite seguir a usuarios
dentro da propia aplicación, fai moi doado compartir as retransmisións por
Twitter e, como grande diferenza fronte a Meerkat, as transmisións estarán
dispoñibles para a súa reprodución con posterioridade para rememorar a
experiencia (con corazóns e comentarios incluídos). Estas repeticións durarán
24 horas, aínda que os usuarios poden optar por eliminalas antes.