Twitter permite engadir adhesivos ás nosas imaxes

xoves, 28 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Hai un mes Twitter anunciou que estaba a preparar a posibilidade de incorporar adhesivos ás imaxes dende as súas aplicacións móbiles, e hoxe confirman que esta prestación xa está dispoñible globalmente, de xeito que cando agora subamos a Twitter unha fotografía dende o móbil, xunto á pequena icona de edición que permite facer certos axustes básicos á imaxe aparece unha emoticona que abre un editor que permite pegar stickers nas nosas fotografías para decoralas.
Podemos incorporar este tipo de emoticonas xigantes ás nosas imaxes, pero non se trata dunha edición fotográfica, senón da integración dunha capa sobre as fotografías que conta con interacción, de xeito que podemos premer sobre calquera adhesivo para realizar unha busca na que amosaránsenos unha selección de chíos que inclúe imaxes co mesmo adhesivo, facilitando así a localización de contidos dun corte determinado na liña do que se fai habitualmente cos cancelos.
Con esta novidade Twitter achégase un chisco máis a Snapchat, atendendo así ás tendencias do mercado, xa que os adhesivos contan con moita sona en certos contornos e dende Twitter non queren permanecer alleos para evitar que os usuarios rematen migrando a outras plataformas.

PUBLICIDADE