Twitter podería ter comprador antes de rematar o ano

venres, 23 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que o cambio no xeito de medir a lonxitude dos chíos parecía ser a grande nova de Twitter esta semana, a CNBC vén de sorprender ao informar de que a compañía estaría en conversas sobre a súa venda a compañías como Google e Salesforce.com, entre outras empresas tecnolóxicas entre as que, segundo TechCrunch, tamén estarían Microsoft e Verizon (aínda que tendo en conta que esta última estaría a facerse con Yahoo, parece improbable que poida prosperar nesta loita por unha das compañías da Internet máis visibles pero cun modelo de negocio aínda por definir).
A CNBC asegura que, aínda que a venda de Twitter non sería inminente, faltaría pouco para que comezasen a recibir ofertas en firme pola compañía, o que nas últimas horas provocou a suba na bolsa da súa cotización. De seguir as negociacións como esperan fontes próximas ás mesmas, o acordo de venda de Twitter podería pecharse antes de rematar o presente ano.

PUBLICIDADE