Twitter renova o deseño dos seus perfís de usuario

martes, 22 de abril do 2014 Marcus Fernández

En febreiro dimos conta do redeseño que estaba a preparar Twitter para a súa páxina web, amosando os perfís de usuario dun xeito moi semellante ao de Facebook, amosando unhas imaxes máis grandes e unha disposición dos elementos máis doada de empregar, e tras varias semanas de probas, comezan a aplicar este cambio a nivel mundial, facilitando que os usuarios que o desexen fagan o cambio estético agora mesmo (o que habitualmente é recomendable neste tipo de modificación que rematará chegando a todos os usuarios).
Dende Twitter destacan que o novo deseño dos seus perfís melloran o xeito de amosar os chíos (os contidos que provoquen máis actividade sairán nun tamaño lixeiramente superior, facilitando a súa localización), poderase fixar un chío na parte superior da páxina web do perfil (funcionalidade coa que tamén conta Facebook dende hai anos) e tamén facilita o filtrado de chíos (podemos elixir entre ver chíos ou ver chíos e respostas).

PUBLICIDADE