Tyco Alert permite controlar o fogar ou negocio que fiquen baleiros nas vacacións

luns, 6 de xullo do 2015 Redacción

A empresa Tyco, multinacional centrada en solucións de seguridade e protección contra incendios, está a presentar estes días un desenvolvemento tecnolóxico que semella indicado para quen estea a piques de liscar de vacacións e desexe ter ao alcance da man (no seu dispositivo) unha ferramenta que achegue protección para o fogar agora baleiro. Trátase de Tyco Alert, e preséntase como “unha app que axuda a reforzar a seguridade do fogar e os negocios e que permite vixiar todo o que está a acontecer na casa ou na oficina dende calquera intre e lugar”. Está dispoñíbel para Android, e en datas vindeiras tamén para iOS na App Store.
En realidade Tyco Alert consiste nun sistema de alarma que se por algo se diferenza dos que xa coñecemos é porque boa parte do seu funcionamento artéllase a través do móbil, co que se engade un extra de comodidade e facilidade de uso. Permite, entre outras cousas, acceder a toda a rede de seguridade e control do fogar ou negocio cun só clic, achegando xestión remota do dito sistema até se nos atopamos fóra da casa ou empresa, podendo conectalo ou conectalo total ou parcialmente.
Ademais, teremos a opción de recibir no dispositivo ou tableta imaxes en tempo real do inmóbel que queiramos protexer e controlar deste xeito o que pasa dentro en cada intre. A maiores, a aplicación fornece informes da actividade do fogar ou negocio, incluíndo recibos de avisos para coñecer as entradas e saídas de xente, o que resulta moi acaido, sinalan os creadores da aplicación, para “controlar a chegada dos fillos ou os movementos do persoal”.
Por último, subminístranse alarmas para coñecer o estado xeral do sistema, avisándonos en caso de incidencias técnicas e a achegando a posibilidade de verificar o estado dos dispositivos da rede.

PUBLICIDADE