Uber atrévese a iniciar actividades en Madrid

martes, 23 de setembro do 2014 Marcus Fernández

A telesiviva Cristina Pedroche foi unha das primeiras persoas en probar uberPOP en Madrid

Os taxistas de todas España levan meses en pé de guerra contra as aplicacións móbiles que facilitan o uso de vehículos privados a xeito de taxis, pero estas plataformas non agachan a cabeza, e aínda que poderían ter serios problemas legais, iso non impide que Uber, tras conseguir unha boa acollida en Barcelona (cidade onde o servizo está en probas), atrévase agora a lanzar o seu servizo uberPOP en Madrid. Deste xeito, a xente que se mova pola capital do Estado pode agora descargar a aplicación de Uber no seu smartphone (iOS, Android, Windows Phone ou BlackBerry), rexistrar unha tarxeta de crédito válida (para non precisar o uso de cartos en efectivo) e indicar o lugar de recollida para poder facer un seguimento da chegada do condutor en tempo real. Como incentivo, empregando o código promocional MADRIDPOP poderá gozarse de 2 primeiros traxectos de balde até 15 euros cada un.

O profesor e blogueiro Enrique Dans tamén quixo ser pioneiro neste servizo

O servizo uberPOP permite que condutores e pasaxeiro poidan compartir custos nos traxectos, o que supón uns desprazamentos moito máis baratos que empregando un servizo de taxi tradicional, aínda que a dispoñibilidade de vehículos en Madrid aínda está moi limitada.
As tarifas de uberPOP son moi agresivas, e veñen de reducirse un 25% de media, de xeito que agora o servizo ten un custo base de 1 euro, ao que habería que engadir 0,15 euros/minuto e 0,65 euros/quilómetro, cun custo mínimo de 3 euros. Como exemplos de traxectos dende Uber destacan que co seu servizo ir de Atocha ao Círculo de Bellas Artes só custaría 3,5 euros; de Princesa a Santiago Bernabeu, 5,5 euros; e de Alonso Martínez a Ciudad Universitaria, 6 euros.
Queda agora por ver se a Comunidade de Madrid tomará medidas contra un servizo que o sector do taxi considera que fai competencia desleal, e o propio Ministerio de Fomento advirte que pode ocasionar importantes sancións de non respectar a lexislación actual.

PUBLICIDADE