Ultiman o lanzamento do BlackBerry Classic

venres, 14 de novembro do 2014 Marcus Fernández

BlackBerry anunciou onte que comezaba a aceptar reservas en Norte América para o seu novo terminal BlackBerry Classic, smartphone que xa se deu a coñecer o pasado mes de xuño xunto co BlackBerry Passport, e que non chegará ao mercado até mediados do mes que vén, intentando recuperar o espírito dos vellos dispositivos da compañía, pero gozando dunha maior potencial e dunha xenerosa pantalla cadrada. Dende BlackBerry destacan a comodidade e precisión do seu teclado físico, a súa pantalla táctil de grande tamaño, a súa velocidade navegando pola web, a súa grande autonomía e a posibilidade de executar tanto aplicacións para BlackBerry como aplicacións de Android, procurando así superar a fenda que afastou a moitos usuarios de BlackBerry nos últimos anos.
En poucas semanas saberase máis deste teléfono que espérase que teña como prestacións as que seguen: pantalla cadrada de 3,46 polgadas cunha resolución de 720 x 720 píxeles (considerablemente máis pequena que a pantalla de 4,5 polgadas do BlackBerry Passport), procesador Qualcomm de dobre núcleo a 1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, e conectividade LTE. Podería verse así como un terminal de gama media que resultase atractivo para un público máis amplo que o Passport, por unhas dimensións máis discretas e, posiblemente, un prezo moderado, xa que as prestacións deste novo smartphone son considerablemente inferiores.

PUBLICIDADE