Un trebello introduce a voz de Alexa no automóbil

luns, 28 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Dende Next Thing Co. conseguiron facer realidade mediante micromecenado un proxecto de mini-ordenador que custaría só 9 dólares chamado C.H.I.P., e agora queren aproveitar o produto para unha nova creación, o Dashbot, un sistema de mans libres para o automóbil que permite controlar a música, os mapas e a mensaxería sen tocar o teléfono, baseándose na intelixencia artificial de Amazon (Alexa) e cun prezo de só 49 dólares (56,43 euros cos gastos de envío incluídos).
Para levar a bo porto o Dashbot iniciaron unha campaña en Kickstarter que tiña marcado un obxectivo de recadación de 100.000 que está próximo a dobrarse, deixando claro o interese do público nunha solución deste tipo a un prezo asumible. O Dashbot conéctase ao noso smartphone por Bluetooth e así podemos empregalo para reproducir música coa voz, indicarlle a onde queremos chegar para que nos dite as instrucións do navegador GPS e incluso responder preguntas a través de Alexa (dende información meteorolóxica até datos enciclopédicos).
Entre as vantaxes do Dashbot destacan os múltiples servizos cos que pode operar, como Spotify, Podcasts, Google Play Music, Apple Music, Soundcloud, Bandcamp... de xeito que o control por voz sería moi práctico, aínda que polo momento só está dispoñible en inglés.
A instalación do Dashbot nun automóbil pode ser moi sinxelo, xa que este accesorio inclúe unha base de montaxe adhesiva, conéctase ao equipo de son so vehículo a través dun conector de auto estándar de 3,5 milímetros (ou Bluetooth) e aliméntase mediante USB (incluíndo un adaptador para o acendedor do coche). Para o seu control hai que instalar no smartphone unha aplicación dispoñible para a partires de Android 5.0 ou iOS 10.
Sobre as opcións de expansión deste produto existe a posibilidade de facerse cun lote (cun prezo 16 dólares superior) que inclúe unha tarxetas de memoria de 8 GB e un adaptador OBD-II, que permite recibir información do motor do vehículo, que tanto pode servir para coñecer información da condución en tempo real como advertir de avarías.

Vídeo no que podemos ver o funcionamento de Alexa no Dashbot

PUBLICIDADE