Un código de erro informará dos bloqueos xudiciais de páxinas web

luns, 21 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Cando intentamos acceder a unha páxina web e iso non é posible, son numerosas as causas que poden provocar o problema, e para facilitar a identificación das incidencias, existen unha serie de códigos de erro que axudan a saber o motivo que nos impide acceder a un recurso na web, como o feito de non ter permiso para a súa visualización, que mudase de enderezo ou que o enderezo achegado non apuntase a ningún contido presente na actualidade; pero nos últimos anos vimos un caso que non se contemplara inicialmente, os bloqueos consecuencia de resolucións xudiciais, que non se diferenciaban de incidencias técnicas, de aí que un grupo leve tempo reclamando unha norma que regule o asunto, e finalmente o IESG aceptou un código de erro para indicar os obstáculos legas de accesos a contidos na web.
Deste xeito, ao igual que cando introducirmos un contrasinal mal podemos atopar un erro 403, ou cando non atopamos unha páxina web recibimos un erro 404, comeza agora a implantación do erro 451, que sería unha especie de versión do erro 403 que indicaría os casos de censura, de xeito que un usuario que vexa tal erro saberá que o recurso ao que pretende acceder si está dispoñible na Rede, aínda que pode estar bloqueado, quedando na súa man se decide darse por informado ou optar por canles alternativas para acceder ao contido.
Algúns dos promotores do erro 403 temen que haxa países que prohiban o uso do erro 451 para que os usuarios non poidan ser conscientes da censura activa, pero nun principio enténdese que estamos ante un caso de transparencia que será moi de agradecer, xa que co propio erro poden incluírse detalles sobre a causa do bloqueo, para que o usuario poida coñecer os motivos que lle impiden o acceso a un recurso en liña.
Neste momento o erro 451 entra en fase de borrador, de xeito que xa pode empregarse de xeito práctico, esperándose a súa incorporación como estándar RFC en breve.

PUBLICIDADE