Un fallo de seguridade crítico leva a recomendar a desactivación do Flash Player nos nosos ordenadores

venres, 16 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses non foron poucas as alertas de seguridade que afectaron ao Flash Player de Adobe, un engadido para os nosos navegadores web que tradicionalmente servía para que puidésemos ver vídeos, publicidade, xogos e moitos outros elementos activos na web, pero que paulatinamente foi pasando a un segundo plano grazas ao elevado nivel de adopción do HTML5, polo que, en vista da terrible seguridade do Flash, debería ser definitiva, de xeito que o único consello que podemos dar actualmente aos usuarios que queiran manter o seu ordenador a salvo é que directamente desinstalen Flash dos seus equipos.
Lembremos que xa en xullo Firefox bloqueou o Flash no navegador web ante un grave fallo de seguridade sen corrixir, e Chrome tamén tomou medidas para impedir a reprodución automática de contidos en Flash, de aí que a última ameaza de seguridade rexistrada chegue no peor momento posible, xa que o público comeza a estar sensibilizado en materia de seguridade e entende que o Flash xa non é imprescindible (como comproban diariamente nos dispositivos móbiles onde Flash non está dispoñible).
A nova vulnerabilidade do Flash Player, que responde ao identificador APSA15-05, permite que en versións do reprodutor de Flash até a 19.0.0.207 (a actual) tanto para Windows, OS X e Linux, sexa posible non só bloquear o equipo do usuario a través de certos ataques, senón tamén chegar a tomar control dos sistemas afectados. Pero o máis grave do asunto é que xa se están a detectar ataques aproveitando tal vulnerabilidade (como mínimo por parte dun grupo de espionaxe electrónico que está a atacar a gobernos, a OTAN e a medios de comunicación) e non se prevé que Adobe lance unha actualización até a semana que vén (aínda que suxiren que hoxe mesmo poderían chegar a corrixir o problema).
Dende Malwarebytes aseguran que “2015 foi un ano malísimo para o Flash Player e dado que non estará dispoñible un parche até dentro de varios días é crucial tomar accións inmediatas para protexernos” xa que os vindeiros días son unha magnífica oportunidade para creadores de malware para infectar millóns de ordenadores a nivel mundial, de aí que afirmen que “agora é o momento de que consideres seriamente desactivar ou eliminar o Flash Player do teu navegador web”.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente hoxe actualizaron o reprodutor de Flash corrixindo o seu grave fallo de seguridade.

PUBLICIDADE