Un informe sobre os adolescentes británicos reflicte o seu afastamento dos medios de comunicación tradicionais

luns, 13 de xullo do 2009 Marcus Fernández

A firma Morgan Stanley aproveitou que contaba co mozo de 15 anos Matthew Robson coma bolseiro para pedirlle que elabore un informe sobre os hábitos dos mozos da súa idade (descargable en formato PDF), que achegou unha serie de datos que consideraron tan importantes como para publicalos, pese a que non gozan de rigor estatístico.
Entre os detalles que comenta Robson están que os mozos non empregan Twitter porque actualizar o servizo dende o móbil custa cartos (polo que tampouco serían visibles as súas actualizacións), a televisión ten pouca importancia, a radio tradicional perde pulo fronte a servizos coma Last.fm, deixan totalmente de lado á prensa escrita e centran o seu lecer no cine, os concertos e as consolas de videoxogos (sendo estas últimas tamén un atractivo instrumento para falar cos amigos).
O feito de considerar que os medios tradicionais como a televisión, a radio ou a prensa son prescindibles indican que para achegarse á mocidade hai que utilizar novos métodos, aínda que haberá que ver se esta tendencia mantense segundo os mozos van medrando.
Pero afastarse dos medios tradicionais non implica sempre fuxir dos seus contidos, de xeito que os mozos británicos si ven series de ficción coma Psychoville a través de iPlayer, pero o que abandonan son as grellas das canles televisivas e o propio televisor.

PUBLICIDADE