Un investigador de Gradiant impulsa un sistema para identificar sen erro as mensaxes dos bots

luns, 21 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

O centro tecnolóxico Gradiant deu a coñecer o nome dun dos proxectos gañadores da convocatoria interna de ideas GradiAnticípate 2014, un certame que en abril deste ano xa acubillaba 34 ideas innovadoras presentadas e que como lembraremos diríxese a incentivar, recoñecer e visualizar en detalle a rica veta de creatividade e espírito de innovación que acubillan os propios investigadores de Gradiant. En definitiva, trátase dun concurso para xente de casa destinado en última instancia a impulsar un pouco máis a nosa terra cara a excelencia tecnolóxica. Precisamente o proxecto DamIt é unha destas ideas. Segundo deu a coñecer Gradiant, diríxese a identificar de forma fiábel e precisa as mensaxes procedentes de contas controladas por bots nas redes.
Polo tanto, a nivel xenérico DamIt encamíñase a achegarnos máis e mellores maneiras de concorrer no comercio electrónico, tanto se somos compradores coma se somos vendedores (ou ámbalas cousas), ao tempo que se poñen en xogo recursos para permitir análises e informes máis fiábeis sobre mercadotecnia en liña, hoxe en día moi “comprometidos pola existencia de contas artificiais, orixinadas por programas informáticos chamados bots que publican sen intervención humana contidos lixo de forma masiva”, informa Gradiant, que tamén engade que os devanditos programas deixan importantes pegadas nos datos que recollamos da Rede, “facendo arriscada a elaboración dunha estratexia baseada neses datos, e máis perigosa aínda a toma de decisións”. A isto cómpre engadir a inexistencia dunha ferramenta de certo útil que sexan quen de distinguir cun cen por cen de acerto entre as mensaxes que veñen de persoas reais e contas lexítimas das que non.
DamIt traballa precisamente no anterior punto. Emprega solucións de Data Mining, Big Data, Minería de Textos e Social Mining, e como dixemos é un dos proxectos gañadores da convocatoria interna de ideas GradiAnticípate 2014. O seu responsábel é o enxeñeiro Arnaud Quirin, investigador de Gradiant adscrito ademais ao Proxecto LIFTGATE. DamIt, sinala Arnaud, podería chegar a ser para a mercadotecnia dixital o mesmo que a peneira para os buscadores de ouro: “Permitirá separar as mensaxes dos usuarios reais, é dicir, os nosos auténticos públicos obxectivo, dos xerados automaticamente por bots de forma ilexítima, con todo o que iso supón para garantir a autenticidade dos informes que nos ofrecen as ferramentas de análises de redes sociais”.

PUBLICIDADE