Un libro dixital de Emilia Pardo Bazán editado pola USC acada 1.200 descargas en 10 días

mércores, 16 de abril do 2014 Redacción

A Universidade de Santiago achéganos estes días un exemplo do importante papel que están a xogar xa as publicacións dixitais, papel que todo indica a que será cada vez maior (sobre todo coa chegada ao ámbito académico de xeracións perfectamente adaptadas a consumir achegas literarias en formatos electrónicos). O exemplo en cuestión constitúeo o éxito acadado polo libro dixital de Emilia Pardo Bazán Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873) editado pola USC e a Real Academia Galega e de acceso libre e gratuíto. Segundo informan, acadou en dez días preto de 1.200 descargas a través do repositorio institucional da USC Minerva.
O libro en cuestión é unha reprodución facsímil con estudo, edición e notas do profesor José Manuel González Herrán, coas percepcións da autora durante unha viaxe por toda Europa coa súa familia.
A obra acadou dende o pasado día 4 de abril, intre no que se emprazou no repositorio da USC, un total de 1.218 visualizacións e 1.115 descargas. Delas, 712 foron realizadas dende España, 166 dende os Estados Unidos de América, e tamén hai consultas dende México, Francia, Italia, Alemaña, Arxentina, Canadá e Suíza. Entre as cidades con máis consultas destaca Madrid, con 89 visitas, A Coruña con 79 e en terceiro lugar Woodbridge en Virginia, con 42. Tamén se rexistraron consultas en Barcelona, Sevilla, Santiago de Compostela, Terrassa, ou San Francisco, entre outras cidades.
O libro está editado cunha licenza Creative Commons. Segundo engade a USC, “é a primeira coedición dixital nativa de acceso libre e gratuíto polo que calquera persoa interesada pode consultar ou descargar o libro a través do repositorio institucional da USC Minerva”. Como lembraremos, Minerva é recurso tecnolóxico da institución docente para acubillar e divulgar os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da Universidade ao tempo que fomenta a comunicación científica polo seu acceso aberto.

PUBLICIDADE