Un libro repasará a historia de PC Fútbol

luns, 30 de maio do 2016 Marcus Fernández

No ano 2012 o xornalista Jaume Esteve publicou un par de volumes de Ocho Quilates, libro que facía un repaso da Idade de Ouro do Software Español, ou sexa, o período entre 1983 e 1992 no que España tiña un lugar no mundo do desenvolvemento de videoxogos, grazas en boa medida ás posibilidades que permitían os equipos da época (moi accesibles á hora de crear contidos para eles) e agora volve á carga con outra obra que sen dúbida vai interesar a moitos nostálxicos, Promanager, libro que estará dispoñible o 27 de xuño e que xa pode reservarse a un prezo promocional de 17 euros (incluíndo gastos de envío).
Promanager vai máis aló da Idade de Ouro, e achégase á meirande saga do videoxogo español, PC Fútbol, coa que Dinamic Multimedia levou os videoxogos aos quioscos, convertendo a súa serie de xogos en todo un imprescindible ano tras ano, grazas á súa atractiva proposta na que se combinaba unha base de datos, un manager e un simulador de fútbol, que nos anos 90 conseguiu que o ordenador aínda tivese algo que dicir no ámbito dos videoxogos (algo que, FX Fútbol, o seu sucesor espiritual, non foi quen de facer). De feito, as entregas de finais dos noventa conseguiron superar as 350.000 copias vendidas (éxito que superaría a saga de Pyro Studios Commandos, que conseguiu superar no seu conxunto os 3 millóns de copias vendidas a nivel mundial).
Esta nova obra de Jaume Esteve está composta por máis de 300 páxinas e conta cun prólogo escrito polo futbolista Míchel. Recolle nas súas páxinas tanto a época dourada do xogo da man de Dinamic Multimedia, até a súa desastrosa etapa a cargo de Gaelco, compañía que foi capaz de colocar no mercado tres entregas cheas de problemas, que feriron de morte a franquía.

PUBLICIDADE