Un libro sobre a Barbie informática provoca polémica na Rede

mércores, 19 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que cando Mattel comercializou en 2010 un modelo da boneca Barbie que pretendía ser unha enxeñeira informática, o que podería verse como un signo de igualdade, ao levar esta historia á práctica a través dun libro de contos o resultado foi moi negativo, apuntando xusto na dirección contraria á que mirarían os ben pensados, como descubriu hai un par de días a guionista de televisión e blogueira norteamericana Pamela Ribon, quen atopou o libro Barbie – I Can Be... A Computer Engineer, e quixo compartir co mundo o lamentable que resultan os tópicos sexistas acumulados no volume, o que provocou unha impresionante resposta na Rede, chegando a dar pé a memes nos que se parodia o ridículo libro (e incluso crearon unha web que permite personalizar as páxinas do polémico libro de Barbie para compartilas de xeito humorístico na Rede).
Ribon publicou un artigo titulado Barbie Fucks It Up Again (Barbie volve fodela) na que debulla o mencionado libro que nun principio podería servir para animar ás nenas a introducirse no mundo da informática, pero que segundo avanza a historia case parece o contrario, xa que o primeiro que fai a Barbie para poder crear un videoxogo educativo e pedir axuda a un par de rapaces, ao pouco xa padece un incidente cun virus informático, e finalmente Barbie consegue os seus obxectivos, pero realizando todo o traballo os seus amigos, quedando ela co recoñecemento. Unha lección que non parece a máis axeitada para animar ás nenas a introducirse profesionalmente no mundo dos ordenadores.
Pero Ribon non foi a única que se sentiu ofendida polo libro, senón que se lemos as criticas que hai en Amazon podemos ver que 144 de 161 só dan 1 de 5 estrelas ao libro, ou sexa, unha das peores puntuacións que un libro pode acadar, especialmente porque os usuarios que outorgaron 5 estrelas á obra foi porque a consideraron como un texto cómico.
Para facernos unha idea do rebumbio que causou o descubrimento deste libro infantil podemos buscar en Twitter por “feminist hacker barbie” para ver algunhas mostras do que saíu da imaxinación de moitos internautas que quixeron aproveitar esta ridícula obra como obxecto de mofa.

PUBLICIDADE