Un novo estudo de ADECES e UCGAL certifica un incremento da fenda dixital entre concellos

luns, 5 de decembro do 2016 Fernando Sarasketa

As aplicacións móbiles e as RRSS teñen cada vez máis peso na comunicación dos concellos galegos coa cidadanía. Así o certifica unha nova investigación de alcance estatal desenvolvida pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), a ADECES (Asociación Pro Dereitos Civís Económicos e Sociais) e a AI (Asociación de Internautas). Falamos da segunda edición do Estudo sobre eAdministración local, levado a cabo en medio cento de “concellos representativos” das 17 comunidades autónomas, segundo lembran as ditas entidades “con independencia da súa adscrición política”. Amais da devandita conclusión (a actividade crecente dos gobernos locais nas aplicacións móbiles e nas RRSS), achégase o seguinte dato revelador en negativo: constatouse o medre da fenda dixital entre concellos, “unha gran sima con transcendencia social e económica porque pode comprometer o desenvolvemento dalgunhas destas zonas”. Nun termo máis concreto, o estudo sinala que entre o consistorio con máis nivel de eAdministración e o concello con menos integración dixital hai 338 trámites telemáticos de diferenza.
Unha cifra (a dos 338 trámites telemáticos) a ter moi en conta e que ilustra á perfección que, alén das fendas dixitais que coñecíamos (a que separa á xente nova dos maiores de idade, á urbana do rural, ás de poder adquisitivo das de escasos recursos, aos homes das mulleres), hai outra na que se cadra non repararamos como cumpría reparar: a que separa os concellos que máis esforzos fan por situarse na vangarda tecnolóxicos dos que non poden ou non queren facelo.
A análise conclúe que o número total de trámites que ofrecen aos seus cidadáns os 49 consistorios avaliados son 8.557 (100%). O 48,7%, é dicir 4.167, son Servizos Telemáticos Totais (STT), dirixidos a persoas físicas ou xurídicas. Nesta definición inclúense aquelas tramitacións que se poden realizar de forma completa a través da eAdministración, ou ben, empezarse en liña e rematalas por outro medio.
No informe visualízanse os concellos que aproban e os que suspenden. Por enriba da media (85) atópanse Zaragoza (350), Madrid (328), Valencia (313), Cartaxena (217) e As Palmas de Gran Canaria (216), que son os concellos que achegan meirande número de STT. No lado contrario atópanse Córdoba, Segovia, Murcia, Lugo, Ourense, Soria, Menorca, Guadalaxara, Zamora e Palencia.
Dos STT, o 86% son Servizos Telemáticos aos Cidadáns. Neste parámetro, 16 concellos están por enriba da medida (73). cun rango que vai dos 283 de Zaragoza aos 78 de Eivissa. Por baixo dos 30 están Burgos, Segovia, Córdoba, Murcia, Soria, Menorca, Zamora, Guadalaxara, Palencia e, unha vez máis, as cidades galegas de Lugo e Ourense.
Estas son algunhas das conclusións que se lanzan ao abeiro da investigación na que colabora a UCGAL (conclusións-recomendacións para optimizar o estado de saúde da nosa Administración Electŕonica local):
-É imprescindíbel para incrementar a confianza dos usuarios e, xa que logo, o uso dos servizos telemáticos, reforzar o compromiso da eAdministración local coa seguridade, e garantir a protección de datos. Materias nas que é preciso que todas as institucións se comprometan.
-É preciso dotar aos portais dos concellos dunha sistemática que facilite a localización e tramitación dos servizos. Neste sentido, sinala a UCGAL, “é recomendábel crear un catálogo xeral de trámites”. Para a dita entidade, na Sede Electrónica resulta primordial “incluír a relación de todos os servizos telemáticos dispoñíbeis para facilitar a xestión dos usuarios”.

PUBLICIDADE