Un tribunal sueco recoñece o dereito dun ISP a non bloquear o acceso a The Pirate Bay

luns, 30 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Moitas son as voltas que o buscador de ficheiros na rede BitTorrent The Pirate Bay está a dar a nivel xudicial, e tras condenas e absolucións en distintos países chega agora unha curiosa sentenza nun xulgado de Estocolmo, onde consideran que o provedor de acceso á Internet Bredbandsbolaget non está obrigado a bloquear o acceso a The Pirate Bay aos seus usuarios, rexeitándose o solicitude de Universal Music, Sony Music, Warner Music, Nordisk Film e a Swedish Film Industry, que querían responsabilizar ao ISP das actividades dos seus clientes se non aplicaban un bloqueo efectivo de The Pirate Bay.
Bredbandsbolaget argumentou que só achegan acceso á Internet e aseguran o fluxo libre de información, argumento que ratificou o tribunal, que considera que en aplicación da lexislación sueca o operador non participaría en ningún delito ao dar acceso á Rede a usuarios que infrinxen o copyright.
Esta decisión xudicial resulta rechamante nun momento no que boa parte dos países da Unión Europea están a apoiar o bloqueo de espazos que facilitan a vulneración de dereitos de propiedade intelectual.

PUBLICIDADE