Un xogo a prol da reciclaxe impúxose na Game Jam de Pontevedra

luns, 31 de outubro do 2016 Redacción

O Campus de Pontevedra acolleu a semana pasada un congreso (o cuarto Congreso Internacional de Videoxogos e Educación, CIVE) e, dentro del, unha sesión de traballo colectiva para dar forma a un xogo con potencial para mellorar o mundo. Falamos da Game Jam da Casa da Luz unha actividade que contou coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que consistiu nun maratón para dar forma a un serious game (unha achega gráfica para entreter pero tamén para informar, formar, denunciar ou divulgar) entre os diferentes grupos participantes. Segundo puidemos saber, a Game Jam rematou o venres e o gañador foi un videoxogo para a aprendizaxe do reciclado e a prol dos valores para a protección do medio ambiente.
O grupo gañador estivo formado por Amparo Fernández, Robert Fekete, Esteban Canle e Jorge Contreras. O segundo traballo clasificado foi un videoxogo baseado nun personaxe fantástico que nos ensina as vantaxes de sermos construtivos (en contraposición coas desvantaxes de sermos “tóxicos”). O grupo estivo constituído por Brais Bello, Joseba Cuña, Diego Oya e Iago Xosé Sequeiros.
Segundo indican os organizadores da actividade, os participantes na Game Jam traballaron na creación dun videoxogo para móbiles e tabletas, “do que non souberon as características até o comezo do encontro”. O tema elixido foi o da educación orientado ao alumnado de Primaria e monoxogador. A Game Jam estivo dirixida a programadores, deseñadores, ilustradores e outras persoas interesadas no mundo dos videoxogos.
A encargada de entregar os premios onte á tarde foi Beatriz Legerén, responsable do CIVE e membro do Grupo Alfás. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) patrocinou os premios: catro tarxetas regalo por valor de 60 euros cada unha delas para os gañadores e outras catro por valor de 40 euros para os segundos clasificados. O equipo vencedor terá, asemade, a posibilidade de realizar unha campaña de crowdfunding para obter os fondos precisos para desenvolver o seu xogo, coa colaboración da empresa galega Gato Salvaje Estudio.

PUBLICIDADE