Unha actualización de software engade conectividade Wi-Fi ao LG G Watch R

luns, 24 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Cando presentaron o smartwatch LG Watch Urbane, unha das funcionalidades que destacaban neste dispositivo era a súa conectividade Wi-Fi, o que permitía a interacción entre o smartphone e o reloxo máis aló da súa cobertura Bluetooth, de xeito que podían comunicarse dentro da mesma rede Wi-Fi, o que resulta especialmente no fogar (xa que permite que o usuario non teña que cargar co teléfono mentres está na casa, recibindo as notificacións a través do reloxo de pulso), pero esta funcionalidade de Android Wear finalmente vai estar dispoñible en máis dispositivos do agardado, xa que LG confirma que a última actualización de Android Wear tamén está a distribuírse para o LG G Watch R, converténdoo nun dispositivo con Wi-Fi (pese a que non se anunciara previamente que o dispositivo tiña tal capacidade).
Durante estes días o LG G Watch, o LG G Watch R e o LG Watch Urbane están a recibir por todo o mundo as últimas actualizacións de Android Wear, de xeito que, aparte da mencionada conectividade Wi-Fi, tamén incorporarán esferas interactivas (que poden descargarse de Google Play e que permiten acceder a información premendo en certas áreas específicas da pantalla) e habilitan a posibilidade de empregar aplicacións que realizan funcións específicas como consultar a predición meteorolóxica para os vindeiros 4 días ou realizar traducións entre numerosos linguas directamente dende o reloxo.

PUBLICIDADE