Unha charla no CiTIUS afondará no desenvolvemento de aplicacións web mediante Polymer

luns, 20 de abril do 2015 Marcus Fernández

Durante a celebración do Google I/O do ano pasado deuse a coñecer o framework de desenvolvemento baseado en compoñentes web Polymer, que ofrece un xeito moi sinxelo de desenvolver aplicacións baseadas na adaptabilidade, a sinxeleza e cun enfoque visual moi coidado, facilitando a implementación do Material Design que quere impor Google dende Android 5.0, e para afondar nas posibilidades desta plataforma un dos coordinadores de Polymer Spain, o galego Ismael Faro, vai impartir un relatorio o xoves 30 de abril ás 12:45 horas no salón de actos do Centro de Investigación de Tecnoloxía Informática (CiTIUS).
Esta actividade pretende amosar Polymer e as súas posibilidades para un desenvolvemento de coidadas aplicacións web dun xeito moi sinxelo, o que resulta especialmente interesante no contorno actual, no que os desenvolvementos teñen que orientarse a equipos de escritorio, terminais móbiles e outras interfaces, polo que adoptar solucións estándar deste tipo supón unha maior compatibilidade con distintas plataformas e tamén unha maior calidade das aplicacións creadas (que o teñen máis doado para seguir as liñas de deseño marcadas como estándar a seguir).
O relator da xornada, Ismael Faro, non só comanda o grupo de estudo de Polymer en Vigo e toma parte activa na coordinación de Polymer Spain, senón que tamén é Google Developer Expert, de xeito que afondar nas posibilidade de Polymer da súa man é unha garantía.

PUBLICIDADE