Unha empresa catalá lanza na Rede un software para localizar plaxios

martes, 19 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Por se a alguén lle quedase algunha dúbida, non é preciso ir aos contornos académicos para atopar casos soados de curta e pega, o plaxio tamén se dá nas máis altas esferas e o practican activamente dende grandes escritores (algúns gañadores de galardóns de amplo prestixio) a medios de comunicación dos que nunca serían postos en entredito, en cuestión de credibilidade, por unha boa parte da sociedade rendida aos seus pés. Leas aparte, semella que cada vez hai máis morbo por saber quen se leva o premio ao lacazán comunicativo do ano, de aí que se poñan en xogo ferramentas como Approbo, da que se fai eco estes días Visual Beta ou El Navegante. Trátase dun software que se lle facemos caso á empresa e non aos usuarios que están a probalo e que achegan xa interesantes opinións a ter en conta sobre os seus resultados (na nova de El Navegante hai uns cantos deste tipo), tería a capacidade de atopar, mediando un par de clicks, un documento copia de outro e certificar que así se fixo e onde se fixo.
Trátase dunha aplicación de balde, accesible na Rede, e pensada exclusivamente para topar plaxios na Internet de calquera documento. Polo que se nos conta, é doado de usar: o único que se nos pide é que carguemos o texto que pescudamos na páxina da ferramenta e logo, cliqueando, xa estamos en disposición de saber se o artigo que contén o documento está na Rede e por onde anda. Mesmo é quen, polo visto, de verificar até que punto se levou a cabo a copia, é dicir, se houbo un intento de disimulo ou se directamente se optou polo rexistro fiel do incluído, mesmo das grallas. Detrás deste software, informa El Mundo, atópase a empresa Symmetric con sede en Barcelona, financiada para este proxecto en concreto por Citilab, unha páxina catalá de educación en liña habilitada por varias institucións públicas. A ferramenta emprega uns motores que localizan onde se atopan dentro da Rede as coincidencias co texto orixinal que se vén de subir á Web. Logo, fai un estudo termo por termo de todo o arquivo localizado e o sitúa perante os nosos ollos de xeito gráfico.

PUBLICIDADE