Unha enxeñeira informática galega compatibiliza os dispositivos das Cidades Intelixentes

martes, 7 de xullo do 2015 Redacción

O concepto do intelixente ou smart está a medrar ao noso arredor, espallándose por calquera contexto, cobrando vida mesmo nas contornas urbanas, que nos últimos tempos tamén queren aumentar os seus coñecementos até converterse en Smart Cities. Parques, semáforos, vehículos, edificios... en todos eles instálanse sensores, aplicacións e todo tipo de ferramentas que achegan información e utilidades. Porén, cada cidade e cada proxecto estase a desenvolver de xeito independente, o que provoca que o salto dun a outro dispositivo e dunha a outra cidade non sexa posíbel na maioría das ocasións. Atendendo a este baleiro intelixente, Lorena Otero vén de desenvolver na súa tese de doutoramento unha serie de algoritmos que permitirían integrar diferentes dispositivos e mesmo proxectos de Smart Cities.
A tese, titulada Estudo e aplicación de novos métodos de aliñamento de ontoloxías, foi dirixida polo docente Francisco Javier Rodríguez Martínez, e presentada este curso na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.
Froito de tres anos e medio de investigación no Grupo LIA2, o estudo analiza as técnicas e aplicacións destes métodos e propón novos algoritmos baseados no aliñamento de ontoloxías para o seu uso no campo das cidades intelixentes. “Nos proxectos de Smart Cities en moitas ocasións os desenvolvementos fanse en proxectos piloto independentes e non necesariamente os desenvolvementos dun proxecto manexan o coñecemento co que traballan os demais. Cada un deles representa a información dun xeito diferente, coas consecuencias que iso implica”, explica a doutora en Enxeñaría Informática con mención internacional.
Unha ontoloxía, explica, é unha especificación formal dunha conceptualización compartida. É dicir, tense un vocabulario que define un dominio de interese, o cal se acompaña coa especificación, máis ou menos formal, do significado dos termos de dito vocabulario. As técnicas de aliñamento de ontoloxías o que permiten é extraer as relacións que existen entre os conceptos. “Por exemplo, se temos dous grupos de persoas que describen de maneira distinta dúas áreas xeográficas que se solapan en certa medida, as técnicas de aliñamento de ontoloxías permiten asociar de xeito automático eses conceptos: o que para un grupo é unha rúa asóciao co que para outros é unha avenida”.
O obxectivo da súa investigación foi comprobar se empregando aliñamentos de ontoloxías en Smart Cities se poderían integrar diferentes sensores, aplicacións... desenvolvidos de maneira independente, ou mesmo feitos para diferentes cidades intelixentes, evitando ter que recodificar parte da Cidade Intelixente, co conseguinte gasto e impacto temporal que provocaría. “A idea sería que nun futuro un vehículo conectado movéndose de cidade intelixente en cidade intelixente tivera acceso a todos os servizos que estas acheguen dunha maneira automática”, indica a investigadora.
Para rematar, Otero Cerdeira afirmaba que “os resultados destas probas demostraron que si é posíbel empregar aliñamento de ontoloxías en cidades intelixentes, cun grao de fiabilidade moi alto”.

PUBLICIDADE