Unha ferramenta viguesa para a creación de contos infantís lidera un concurso de startups

martes, 19 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Durante estes días estase a celebrar a Global Entrepreneurship Week 2013, evento que congrega numerosas actividades sobre o emprendemento en máis dun cento de países, contando coa participación de Startup Pirates, organización que mañá mesmo ás 18:00 horas vai organizar un encontro informal (Pirate Drinks) en Vigo, concretamente en Matina. Pero este non é o único vencello de Startup Pirates con Galicia, pois estes días está a organizar un concurso de startups vía web, no que premiará ao proxecto máis votado con dúas prazas para a vindeira edición do Startup Tour de Berlín (valoradas en 1.000 euros), e o proxecto que está actualmente en cabeza é creAPPcuentos.
O devandito proxecto desenvolvido polos informáticos Avelino Correa e Maribel Martínez (coa colaboración de ilustradores como Pepe Carreiro, Alberto García Ariza, Abraham Carreiro, Raquel López, Pirusca...) consiste nunha aplicación para dispositivos con Android e iOS que permitirá a creación de contos ou historias dun xeito sinxelo e intuitivo, converténdose nunha interesante ferramenta para pais que gocen de inventar historias para os seus fillos e queiran adaptalas a cada situación concreta que vivan os cativos. CreAPPcuentos tamén podería ser de interese para o seu uso no ámbito escolar, empregándoa como ferramenta educativa.
Para a parte máis técnica do desenvolvemento desta aplicación, CreAPPcuentos decidiu contar coa compañía Pumpún Dixital (que vén a ser a versión empresarial de Escoitar.org, proxecto do que temos falado en numerosas ocasións) e que está a encargarse de facer que este proxecto chegue en breve en forma de aplicación para tablets.

PUBLICIDADE