Unha iniciativa de San Sadurniño concorrerá no certame europeo ACting

martes, 28 de xullo do 2015 Redacción

Unha iniciativa desenvolvida ao abeiro da aula CeMIT de San Sadurniño vén de ser elixida para representar o ámbito estatal no certame europeo ACting. Segundo informa AMTEGA, axencia da que depende a Rede CeMIT, a proposta galega seleccionada para o concurso foi elixida entre unha ducia de achegas. A final do certame desenvolverase en Xenebra, Suíza, os días 23 e 24 de setembro. Fálame de San Sadurniño, a achega galega que concorrerá en ACting, é unha iniciativa colaborativa na que participaron unhas 200 persoas (sobre todo persoas maiores) e que se materializou nun blog de seu, nunha canle de YouTube e en diferentes presenzas nas redes sociais. O obxectivo de todo isto: dar a coñecer perante o mundo o dito concello galego a través de quen mellor o coñece, os seus veciños.
O xurado, formado por Joaquim Torrents, presidente da Asociación Nacional de Redes de Telecentros; Isabel Herranz, subdirectora de Planificación, Ordenación e Avaliación do IMSERSO; e Ismael Pena, director de Innovación Aberta da Fundación Bofill, considerou que se trata “dun proxecto sinxelo, único e orixinal, construído ao redor de catro eixos centrais: que as fotos falen, que o pasado e o presente estean fusionados, o protagonismo dos usuarios e a mestura de formatos, debullando o concepto de continuidade histórica das comunidades rurais no transcurso do tempo”.
O axente social que promoveu a iniciativa e unha persoa maior do concello, en representación de todas as que participaron, acudirán ao evento final en Xenebra, onde se darán a coñecer as propostas seleccionadas dos catro países que participan no proxecto: España, Italia, Romanía e Suíza.
Ademais de Fálame de San Sadurniño, seleccionouse como finalista a iniciativa SpeakSpeare!-Falamos con William2, da Universidade Senior da Coruña, e outorgouse unha mención especial a Compartim Poble-sec (Compartimos Poble-sec), de Barcelona.
O proxecto ACTing pretende proporcionar aos axentes sociais que traballan con persoas maiores uns coñecementos e unha metodoloxía adaptada a este colectivo co fin de promover o envellecemento activo a través das TIC. Financiado a través do Organismo Autónomo Programas Educativos da Comisión Europea, está liderado por Fundetec e conta coa participación de entidades que representan a catro países: España (Fundación Esplai), Italia (Fondazione Mondo Digitale), Romanía (AEPMR) e Suíza (ICVoluntarios).

PUBLICIDADE