Unha plataforma galego-vasca posibilita dar forma a eventos baixo petición dos seareiros

xoves, 20 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

De Galicia Open Future, a aceleradora de proxectos TIC que Telefónica puxo en marcha na Cidade da Cultura, estamos a falar nos últimos meses dende múltiples frontes: as actividades que alí se desenvolven, o número e a identidade dos proxectos elixidos (podemos velos en liña, en formato pdf), os obxectivos da operadora con esta iniciativa, etc. Hoxe toca falar dunha das empresas seleccionadas por Telefónica para sumarse á súa palestra TIC galega, Elijomisartistas.com, unha ferramenta cultural acabada de pór en marcha (hai uns tres meses) para dar “un xiro de 180 graos á forma de xestionar actividades de lecer”. Trátase dun proxecto baseado na creación de eventos (concertos, monólogos, maxia, teatro) baixo demanda e botando man dunha comunidade web 2.0. Unha comunidade de seu.
O do “xiro de 180 graos” no xeito de xestionar cultura vén a conto porque até o de agora os métodos elixidos para dar forma e programar eventos situaban a venda de entradas logo de todo o proceso de xestión; pola contra con Elijomisartistas.com o devandito faise á inversa, primeiro obtendo público e logo (unha vez completado ou superado o custe da actuación) programando a actividade, realizándoa e elixindo o espazo que mellor lle acaia ao tipo de evento que temos entre mans ao volume de público obtido. En certa maneira, trátase de comezar polos alicerces dunha casa, e non polo tellado.
E como funciona? Pois é moi sinxelo: na plataforma web inscríbense os artistas interesados en obter actuacións, e os usuarios reservan a entrada de antemán para traer un artista determinado á súa cidade, abrindo un grupo de unión para o resto de usuarios que se queiran unir a esa actuación. Unha vez completado ou superado o custe da actuación, o evento se programa na cidade dos seareiros que cubriron ese custe (caché, produción, desprazamento, aloxamento). Logo, a plataforma Solidariart ou unha empresa promotora, organiza o evento no local seleccionado (co aforamento e as condicións precisas para a actuación). “A conclusión de todo isto”, sinalan os responsábeis da plataforma, “é que deste xeito garántese o aforamento completo en cada actividade, de antemán, de xeito que o artista ou o xerente ou o representante ou o local nunca corren o risco de ter perdas económicas ao programar unha actuación”. En palabras dos creadores de Elijomisartistas.com, estamos perante unha “ferramenta anticrise” para todos os profesionais implicados, mesmo para os hostaleiros e patrocinadores, aos que se lles asegura un volume determinado por cada espectáculo que patrocinan.
Entre os colaboradores desta iniciativa atópanse a FNAC, Solidariart, AJE Coruña ou a axencia de desenvolvemento Oarsoaldea. Detrás da plataforma atópase un grupo de profesionais vasco-galego integrado entre outros por Alejandro Zulueta (presidente do Grupo Alternativo de Estudantes de Dereito, GADED) e Mayte Blanco.

Ideal para estudantes na procura de fondos

Segundo nos contan nun plano máis específico os creadores desta plataforma, esta tamén resulta útil para facilitar o labor dos milleiros dos nosos estudantes que espremen os miolos, cada ano, para costearse as súas actividades de fin de curso. Con esta iniciativa en particular, en palabras do seus responsábeis, “acabouse para os estudantes ter que organizar ducias de festas, ou ter que vender centos de rifas ou camisetas que lles axuden a pagarse a viaxe”. A idea que sustenta esta achega de Elijomisartistas.com é visíbel grazas ao seu acordo actual cunha clase de Dereito da Universidade da Coruña, que posibilita que os universitarios poidan pagar a viaxe íntegra “con soamente un ou dous concertos programados”. As vantaxes son evidentes, engaden: o esforzo é menor e factúrase máis. De feito, o esforzo básico limítase a botar man das redes sociais para difundir os eventos e durante un tempo medio de quince minutos diarios. A previsión de beneficios por concerto supera os 25.000 euros (unha vez cubertos os custos do evento), explican os responsábeis da plataforma.

PUBLICIDADE