Unha universidade da India quere aplicar en Bombai un modelo semellante a Granxafamiliar.com

xoves, 26 de marzo do 2015 Redacción

A plataforma Granxafamiliar.com para a presentación e distribución en liña de produtos das nosas explotacións familiares do rural espertou nestes anos recentes o interese de representantes académicos da India, máis polo miúdo da Universidade BAMU de Aurangabad (Maharashtra State-India), que xa informou que ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento dunha iniciativa semellante na contorna de Bombai. O interese da dita institución educativa hindú pola plataforma galega materializouse definitivamente esta semana cunha xuntanza entre membros da Universidade BAMU e representantes do GIST-IDEGA (Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio do IDEGA, Universidade de Santiago).
Segundo fai saber a USC, a delegación hindú tamén salientou a potencialidade para o seu territorio doutro dos proxectos do grupo galego de investigación, o museo etnográfico virtual piloto galiciaautentica.org. Na xuntanza participou o director do proxecto na USC, o profesor Carlos Ferrás, quen deu continuidade con esta reunión aos contactos que comezaron en maio de 2013 coa visita a unha granxa familiar galega en Casa dos Caseiros, na aldea de Xornes-Ponteceso, que participa no proxecto. Nestes sucesivos encontros, reflicte a USC, xurdiron intereses compartidos entre Galicia e Maharashtra respecto ao impulso e valorización da agricultura familiar “como unha estratexia de desenvolvemento económico rexional e obxectivo de investigación e innovación”. Segundo se engade, coa cita desta semana ábrese un calendario de traballo para estudar as posibilidades de financiamento e necesidades técnicas para o deseño e implantación dun sistema semellante na Universidade BAMU.

PUBLICIDADE