Unha web galega de mulleres científicas e investigadoras, seleccionada no certame Ciencia en Acción

martes, 29 de xullo do 2014 Redacción

A web recoñecida ten o seu xermolo na exposición Mulleres nas Bibliotecas

O certame nacional Ciencia en Acción, unha iniciativa para acurtar a distancia que separa (aínda) a ciencia da sociedade en xeral, ten presenza galega. Máis polo miúdo a do traballo en liña En busca da Igualdade, da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña. A web en cuestión foi seleccionada como un dos traballos gañadores na décimo quinta edición de Ciencia en Acción, na modalidade de Ciencia, Enxeñaría e Valores.
Ciencia en Acción é un certame do Consello Superior de Investigacións Científicas, o Instituto de Ciencias Matemáticas, a Real Sociedade Española de Física, a Real Sociedade Española de Química, a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, a Sociedade Xeolóxica de España e a Universidade Nacional de Educación a Distancia. O seu obxectivo, como dixemos, é “aproximar a ciencia e a tecnoloxía ao gran público de unha maneira dinámica, sinxela e amena”.
O traballo elixido consistiu na elaboración dunha páxina web na que se recolle a biografía e as obras dun bo número de mulleres que traballaron e traballan nos distintos eidos da ciencia, a cultura, a tecnoloxía ou as artes. A idea, informa a Oficina, xurdiu a partires da exposición Mulleres nas bibliotecas, organizada con motivo do Día Internacional das Mulleres, que se centrou na vida e obra dunha escolma de mulleres, con obras súas, paneis informativos e material interactivo e accesíbel a través da web. Todo este material foi recollido polo equipo formado por Ana Jesús López, Alba Queija, Alexandra Vila e Diego Rodríguez. A iniciativa será presentada na selección para a final europea, cos outros seis finalistas da categoría, no CosmoCaixa de Barcelona, do 3 ao 5 de outubro.

PUBLICIDADE