Unha xornada abordará as novas competencias dixitais no eido sociosanitario o vindeiro día 28

xoves, 23 de xullo do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan o vindeiro martes a xornada Faite profesional dixital do ámbito sociosanitario, encontro integrando na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Os asistentes ao evento coñecerán, da man de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual no eido sociosanitario. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público.
O encontro desenvolverase de 10:30 a 14:00 horas no salón 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. A inscrición pode realizarse en liña de xeito libre e gratuíto.

Programa e relatores

Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, intervirán o coordinador autonómico da Cruz Vermella, Joaquín Varela, e Marta Durán, responsable de Atención ao Cliente Zona Oeste de SARquavitae para abordar a atención xerontolóxica e a xeriátrica dixital.
A continuación, Julio García Comesaña, subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Sergas, e Teresa Martínez Ramonde, xefa do Servizo de Endocrinoloxía do CHUAC, falarán do fogar dixital e da consulta médica non presencial.
Pola súa banda, o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón Calvo, abordará o Big Data. Como última intervención do día, Gonzalo García Figueroa e Lola Lago Rincón, do Grupo Promedia, falarán de aplicacións móbiles. Como remate da xornada, abrirase un coloquio entre os relatores e o público.

PUBLICIDADE