Unha xornada en Compostela promoverá o papel da muller no software libre en Galicia

martes, 23 de setembro do 2014 Redacción

O vindeiro día 26 de setembro celébrase a xornada Freeday4Girls, un evento orientado a visualizar e promover o rol da muller no eido do software libre en Galicia, e que desenvolverase no Centro de Novas Tecnoloxías (CNTG) en Santiago de Compostela.
Desde a Oficina de Software Libre do Consorcio das Universidade Galegas (CIXUG) quérese ofrecer un espazo onde amosar experiencias, testemuñas e formación ofrecidas por mulleres galegas no eido do software libre e orientado especialmente ao público mozo (estudantes, persoas en busca de emprego, ou que simplemente lles interesa coñecer experiencias e persoas inspiradoras no eido do software libre...). Esta xornada dará a coñecer proxectos, ferramentas e persoas que traballan e utilizan o software libre en diferentes disciplinas: creatividade, deseño, xestión, formación, etc.
A asistencia a este evento é de balde previa inscrición en liña, podéndose seguir a xornada tamén a través de streaming. O seu programa sería como segue:
9:30-9:45 – Presentación institucional
9:45-10:15 – A muller xestora de proxectos e o Software Libre – Palmira Castro de Mimadriña.com
10:15-10:45 – Contidos dixitais de código aberto. María Yáñez de A Navalla Suíza
10:45-12:00 – Da Universidade ao mercado laboral con Susana Ladra (vicedecana de organización económica da FIC) e María José Rodríguez Malmierca (CESGA, coordinadora do proxecto ICT-Go-Girls!)
12:00-12:30 – Pausá-Café
12:30-14:00 – Obradoiro peer to peer streaming por Beka Iglesias de Atlantida.tv. Actividade para aprender a facer retransmisións en directo a través da Internet

PUBLICIDADE