Unha xornada organizada polo CPEIG abordará a influencia das TIC no xornalismo

venres, 12 de setembro do 2014 Redacción

Expertos en comunicación e TIC reuniranse o vindeiro xoves, 18 de setembro, en Compostela da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co gallo da xornada Xornalismo Datos e Redes Sociais, encontro organizado polo Colexio en colaboración coa AMTEGA e a Facultade de Ciencias da Comunicación que desenvolverase de 9:45 a 18:00 horas e permitirá afondar na influencia das TIC no labor xornalístico.
Os asistentes poderán compartir o desenvolvemento da xornada a través de Twitter, co hashtag #xornalismoredes. As persoas interesadas no evento poden formalizar a súa inscrición por correo electrónico. A asistencia é de balde e o prazo para apuntarse remata o martes, 16 de setembro.

Laura Camino reportuiteando durante a primeira edición de The Net Room

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, xunto co presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira, abrirá a xornada para dar paso á intervención da reportuiteira, comunicadora e xestora de redes sociais Laura Camino, quen tratará o emprendemento e as redes sociais, centrándose na súa experiencia no reportuiteo: o xornalismo en 140 caracteres. A continuación, o patrono fundador e director de Civio Fundación Ciudadana, David Cabo, falará da transparencia dos datos e da iniciativa ¿Dónde van mis impuestos?.
Posteriormente, o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, abordará o tratamento nos medios de comunicación do denominado erro informático. Pola súa banda, a produtora e investigadora de contidos dixitais, María Yáñez, introducirá unha perspectiva de xénero co relatorio Muller e comunicación dixital. O director da edición dixital de La Voz de Galicia, Tomás García, pechará as intervencións da mañá co tema Novas perspectivas do xornalismo electrónico.
Xa pola tarde, a xornada centrarase na mesa redonda Tecnoloxía para a divulgación. Nela participarán o doutor en Ciencias da Información pola USC e doutor en Ciberxornalismo, Manuel Gago, quen abordará o seu proxecto Torre de Mouros; o CEO de Teltek Vídeo Research e coordinador técnico de UVigo-TV, Vicente Goyanes, quen falará da súa experiencia en Vigo iTunes U; e o doutor en Comunicación pola UCM e profesor na USC, Xaime Fandiño, quen exporá o seu proxecto Latencia 0?.

Programa completo da xornada

PUBLICIDADE