Unhas xornadas celebradas en Pontevedra abren xanelas ao futuro do téxtil: a roupa-gadget

martes, 25 de novembro do 2014 Fernando Sarasketa

Pontevedra acolle estes dias uns encontros que levan as novas tecnoloxías a un plano de creatividade que sobre o papel non lles pertence pero que na práctica semella demandalas, e moito. E ademais, os encontros achegan unha visión sobre unha das características fundamentais das novas tecnoloxías: o seu carácter de ferramentas multiuso e súa inclinación natural a engraxar todas as maquinarias. Incluso a da moda. Precisamente de TIC e moda (un ámbito, dixemos, que non é natural das TIC pero que finalmente semella que si) é do que tratan as Xornadas de Pensamento e Investigación en Deseño, seminario a desenvolver até este mércores e incluído no programa de actividades paralelas a Debut 2014 e centrado na idea do wearable, da “tecnoloxía que se viste”.
A idea sobre a que se sustentan estas xuntanzas para a reflexión é a seguinte: a tecnoloxía xa non ten límites e pode abranguer, porque ten o pulo de abranguer, mesmo os nosos armarios da roupa e os andeis das tendas do sector. Exemplos de TIC que saen dos computadores hai moitos: prendas que avalían o nivel de esforzo dunha persoa ou bolsos coa capacidade de cargar a batería dun móbil.
As xornadas artéllanse en base a conferencias abertas ao público na Casa das Campás e de obradoiros impartidos polos deseñadores Ricardo O´Nascimiento e Elena Corchero. Inclúense no proxecto Baliza, que a Facultade de Belas Artes do Campus de Pontevedra (Universidade de Vigo) desenvolve ao abeiro do Campus do Mar. Polo miúdo, búscase achegar ao alumnado dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza a “un eido que se atopa en plena expansión”, como salienta a responsábel dos ditos estudos, Lola Dopico. A seu xuízo, esta confluencia das TIC e da creatividade téxtil é unha fonte moi interesante de experimentación, “un eido de moito futuro ao que lle fica por diante converter os ensaios e investigación nun obxecto apetecíbel, ben deseñado, que mercas non como un produto tecnolóxico, senón como unha prenda que che gusta e que, ademais, conta cunha serie de prestacións que che resultan interesantes”.
Este chouto da I+D ás tendas é un dos eidos de investigación da deseñadora Elena Corchero, responsábel do proxecto Lost Values, dende onde tenta levar ao mercado produtos que impliquen a concorrencia natural das novas tecnoloxías, e que ademais sexan pezas de uso común. Entre outras cousas, Corchero presentou este luns (primeiro día das xornadas) a liña de roupa reflectinte que desenvolveu para adultos ou os xoguetes téxtiles que “permiten aprender electrónica” a nenos e nenas que porá en venda en datas vindeiras.
Pola súa banda, Ricardo O´Nascimento está esta semana amosando ao alumnado de ESDEMGA un interesante feixe de iniciativas e proxectos que abrollan directamente do seu labor de investigación coas TIC e co vestir. Por exemplo, unhas zapatillas con sensores que ían reproducindo os nosos pasos en Twitter ou a implantación de chips na roupa que permiten asociar a unha acción, por exemplo, a idea de abrochar ou desabrochar un botón, explica. Por certo que o deseñador adica o obradoiro que imparte esta semana (desde este luns en ESDEMGA) a idea de “roupa e movemento”, co obxecto de estudar co alumnado a posibilidade de engadir, cun motor, “novas funcionalidades” a determinadas prendas.
Pola súa parte, a investigadora da Facultade de Belas Artes, María Castellanos, concorreu nestes encontros afondando nas particularidades dos conceptos wearable, a tecnoloxía que se viste, e cyborg, a se implanta no corpo. O seu obxectivo era o de propor un debate sobre tecnoloxías que contribúan a ampliar as nosas habilidades e boten abaixo limitación sensoriais do xeito menos intrusivo e incómodo posíbel. Abeirándose ás cuestións tratadas na súa tese de doutoramento, Castellanos amosou varios exemplos desta “ampliación tecnolóxica das capacidades dunha persoa”, como por exemplo as Google Glass ou e outras innovacións que implican a participación de dispositivos paliando as nosas carencias sensoriais.

PUBLICIDADE