Verizon mercará Yahoo! por 4.400 millóns de dólares

luns, 25 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Hai anos que Yahoo! está nunha crise moi profunda, ao non ser capaz a compañía de adaptase aos cambios do sector e, moi especialmente, no contorno móbil, o que levou a que en 2012 nomeasen como directora xeral a Marissa Meyer, tras o que a empresa realizou importantes movementos como mercar Tumblr por 1.100 millóns de dólares en efectivo ou renovar Flickr incrementando a súa capacidade de balde até 1 TB; pero ningunha destas medidas puido evitar que a empresa rexistrase importantes perdas, que levaron a que este ano pechase as súas oficinas en España e moitos outros países, situación que quixo aproveitar a operadora de telecomunicacións Verizon, que vén de ofrecer uns 4.830 millóns de dólares en efectivo para facerse cos negocios operativos de Yahoo!, facilitando así a achega a un mercado publicitario con 1.000 millóns de usuarios activos ao mes (dos que 600 millóns estarían no móbil).
Esta operación levará a que Yahoo! pase a integrase baixo o paraugas de AOL (compañía que Verizon adquiriu hai un ano por 4.400 millóns de dólares), o que resulta bastante rechamante se atendemos ao rol de pioneiros da Internet que tiveron ambas compañías, e que agora ambas están moi lonxe de seren referentes na Rede.
A compra de Yahoo! por parte de Verizon está pendente da aprobación por parte dos accionistas de Yahoo! e das entidades regulatorias, de xeito que non podería completarse o proceso de absorción até o primeiro trimestre de 2017, de xeito que ambas compañías deberán continuar a operar de xeito independente até tal momento.
Cómpre salientar que a operación non inclúe o efectivo da compañía, as accións de Yahoo! en Alibaba Group Holdings, a participación en Yahoo! Japan (compañía independente) e outras actividades que non forman parte do negocio central de Yahoo!.

JPEG - 142.9 KB
O núcleo do negocio de Yahoo! actualmente é o seu inventario publicitario

PUBLICIDADE