Victor Tuson Palau amosa en LibreCon como sería unha Internet das Cousas segura

xoves, 29 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Victor Tuson Palau, vicepresidente de Canonical, fixo saber no congreso LibreCon 2015 que se está a desenvolver hoxe en Santiago que o sistema operativo estrela da súa empresa, Ubuntu, ten a día de hoxe 25 millóns de usuarios e segue a subir a cifra, constituíndose dende hai tempo como unha alternativa firme aos sistemas operativos máis estendidos dende antigo, como por exemplo o sistema Windows. Falou tamén da aposta de Canonical por achegar ferramentas para dispositivos móbiles, unha fronte aberta de acción que vai achegar nos vindeiros anos cousas moi interesantes. Con todo, Palau centrou boa parte do seu relatorio na Internet das Cousas e nas cousas que está a desenvolver Canonical para asegurar un escenario óptimo para esta vindeira revolución tecnolóxica (obxectos e usuarios conectados).
Ao seu xuízo, a falta de seguridade e protección pode comprometer gravemente o desenvolvemento da Internet das Cousas, e algúns casos concretos de sabotaxe nos están dando unha serie de claves importantes sobre estes riscos (ao fío disto falou do caso concreto automóbil con Wi-Fi cuxo sistema de conexión foi manipulado por persoas alleas ao condutor para controlar o vehículo a distancia e facer que se saíse da vía). Unha das claves do software para mecanismos e dispositivos da nova orde tecnolóxica sería, apuntou, a sinxeleza. “As cousas deben ser simples”, dixo, “cómpre simplificar o complexo para facer máis efectiva a seguridade”. Ao mesmo tempo, dixo, unha empresa ou entidade soa non pode achegar a seguridade precisa, optimizada, para a vindeira revolución tecnolóxica. Na súa opinión, o software libre vai xogar un papel moi importante nesta evolución TIC, non só pola calidade que amosan hoxe en día moitos dos seus produtos, senón polas metodoloxías de traballo que impón: metodoloxías colaborativas que serán básicas para dar coa resposta axeitada.
Tuson recordou que hai enormes vulnerabilidades nos dispositivos móbiles por onde estes poden ser atacados. O que funcionaba hai cinco meses con recursos como Android, “hoxe en día xa non se pode amañar”, de aí que haxa cambios frenéticos nas actualizacións de seguridade da ferramenta. Pola contra, explicou, “queremos que Canonical achegue a través de Snappy Ubuntu Core a seguridade e a defensa contra os ataques que moitos usuarios están a demandar, e dende logo demandarán nun futuro máis ben próximo”. Segundo fixo saber, Snappy Ubuntu Core é unha edición especial de Ubuntu Core (versión minimalista de Ubuntu) que representa a aposta de Canonical pola nube. A idea é facilitar ao máximo a contorna de produción e facer que Ubuntu traballe en varios equipos sen que a instalación de algún software inflúa negativamente no resto e acabe por estragarse todo o conxunto (ademais Ubuntu Core e o seu sistema de actualizacións reducen de xeito considerábel o almacenamento de servidores de Canonical, aumentando a seguridade).
O sistema, engadiu Tuson, será pequeno, sinxelo e intelixente; e a diferenza do Ubuntu tradicional estará pechado para posíbeis escrituras nos seus paquetes: as persoas que acceden serán persoas autorizadas para realizar cambios nos códigos. Haberá un núcleo central e múltiples elementos e bibliotecas blindadas que non presentan pasarela algunha de comunicación: son compartimentos estancos, e esta é unha das grandes claves de seguridade de Snappy Ubuntu Core, dixo.

PUBLICIDADE