Vilagarcía acolle o 25 un seminario sobre como deseñar aplicacións web con HTML5

venres, 5 de febreiro do 2016 Redacción

O Centro de Matosinhos (Vilagarcía de Arousa) vai acoller o vindeiro día 25 de febreiro o seminario Desenvolvemento de Webapps con HTML5. A actividade formativa vén da man da Área de Emprego da Concellería de Promoción Económica do Concello arousán, en colaboración co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. Desenvolverase en horario de 9.30 a 13.30 horas. Trátase, sinalan os organizadores, dunha actividade formativa de balde que xa ten aberto o prazo para inscribírmonos. Levarase a cabo no dito espazo formativo da Avenida Matosinhos e poderase asistir a el, a través de video-conferencia, dende as instalacións do CNTG en Santiago.
O obxectivo do seminario é trasladar aos/ás participantes as posibilidades de HTML5 no desenvolvemento de WebApps “cun enfoque orientado cara a interfaces multidispositivos, ás novas aplicacións de xeolocalización, appCache, posibilidades gráficas, utilidades que existen para xogos interactivos, etc”. Tamén se verá como aproveitar estas funcionalidades para converter as nosas ferramentas en liña en aplicacións de escritorio grazas a JavaFx ou en aplicacións para dispositivos intelixentes con Cordova.
O relator da xornada será Antonio Varela, enxeñeiro informático. Segundo nos lembran dende o Concello, Antonio xa conta cunha experiencia laboral de máis de 7 anos, tempo no que tivo oportunidade de afrontar proxectos de xestión hospitalaria, proxectos de comercio electrónico e de xestión para grandes multinacionais. Tamén tivo ocasión de desenvolver interactivos en HTML5. Formador Java para Oracle University, impartiu cursos e obradoiros en HTML5. As persoas interesadas en participar no seminario poderán recibir información sobre a inscrición persoalmente no Centro de Formación Matosinhos ou telefonicamente a través do teléfono 986 51 16 21.

PUBLICIDADE