Vilagarcía reestrea o servizo Vaibike! con aplicación móbil engadida

martes, 26 de xullo do 2016 Fernando Sarasketa

O Concello de Vilagarcía achegou este verán unha boa nova para os seareiros das bicis: a recuperación do servizo de empréstamo de bicicletas de man que ficou detido co anterior equipo consistorial. A adxudicataria do servizo municipal (Vaibike!) é unha empresa de Alacante chamada LaBici, que xa fornece xestión e mantemento a iniciativas semellantes en Ponferrada, Murcia, Gandía ou Benidorm. A nova da reestrea de Vaibike (que xa está operativo) tivo tamén unha vertente tecnolóxica que agora, nesta recta final de xullo, puidemos coñecer en todos os seus detalles. Falamos do lanzamento para veciños e visitantes dunha aplicación que lles permitirá estar ao corrente en tempo real da dispoñibilidade de bicicletas nas estacións do municipio, amais de comunicar incidencias e mesmo darse de alta. A aplicación pódese descargar de xeito gratuíto no teléfono móbil a través de Google Play para sistemas Android.
Segundo informa o Concello, trátase dunha ferramenta de moita utilidade para o usuario que dende o seu propio teléfono pode saber cal é estación do Vaibike máis próxima ao seu emprazamento (sempre que se teña actividada a función GPS do teléfono) e coñecer cantas bicicletas hai dispoñíbeis en cada unha das estacións a tempo real. “Isto”, explica o Goberno local, “facilita ao usuario achegarse á estación máis a man para retirar ou devolver unha bici e tamén evita que situacións como que a persoa se achegue a unha estación e nese momento non haxa bicicletas en empréstamo”. A aplicación tamén posibilitará (dentro duns días) altas no servizo.
Máis detalles sobre un proxecto que se relanza
Segundo informou o Concello no seu día, con motivo da recuperación de VaiBike, este servizo retómase cunha serie de novidades importantes con respecto á primeira andaina do mesmo. Por exemplo: non hai unha oficina física e única para accedermos aos empréstamos de bicicletas, “senón que as altas e baixas xestionaranse directamente en calquera das cinco estacións previstas inicialmente”. Polo tanto, con só achegar unha serie de datos de identificación e empregando un cartón de crédito, “poderemos obter decontado a nosa tarxeta”, informou o Goberno local, que engadiu que esta tarxeta pode ser de día, de semana, de mes ou de ano, converténdose nun “servizo universal non restrinxido á veciñanza senón tamén aberto a calquera persoa que visite o concello”. Este carácter de “universal” adquire aínda meirande dimensión se temos en conta que a tarxeta nos deixa vía para ser empregada en calquera das localidades onde LaBici fornece servizo.
O Concello tamén informou que cada estación de empréstamo conta con equipamento de balde para o inflado de rodas ou para a recarga de bicicletas eléctricas.

PUBLICIDADE