Vimianzo salienta a alta implicación da cidadanía coa app Liña Verde
mércores, 27 de xullo do 2016
O Concello
de Vimianzo vén de facer reconto da actividade xerada a través do
servizo Liña Verde, un recurso para a veciñanza que leva
operativo no concello coruñés dende mediados de 2014, afianzando a
través dos móbiles a comunicación e a participación dos cidadáns
en relación ao mantemento e coidado dos equipamentos e
infraestruturas do termo municipal. Segundo informa o Concello, a
ferramenta foi moi ben acollida dende os comezos da súa
implantación, e proba diso é o “uso continuo que se fai da
mesma”. O tipo de incidencias que máis se comunicaron son aquelas
que fan referencia a Beirarrúas e Calzadas, seguido de
Iluminación, Vía Pública e Puntos de Auga.
Até a data, o 96% das incidencias foron solucionadas.
O servizo materialízase a través da comunicación
establecida nos dispositivos intelixentes e tabletas entre Concello e
veciñanza. Segundo explicou o Goberno local, para tirarlle partido
abonda con descargar a aplicación Liña Verde dende a Play Store ou
a App Store. A partir de aí, é posíbel xa comunicar incidencias
seleccionando a categoría da información que queremos achegar e
activando a función de xeolocalización para que o dispositivo se
encargue de detectar de maneira automática as coordenadas exactas do
lugar do que queiramos dar conta. Isto pódese acompañar dunha foto
da incidencia cunha breve descrición. “Cando se recibe o parte”,
sinala o Concello, “inícianse os trámites para solucionar a
incidencia detectada”. O Goberno local tamén salienta o feito de
que o cidadán poida coñecer en todo intre o estado no que se atopa
a comunicación “grazas ás notificacións que recibe no seu
dispositivo”.
O Concello de Vimianzo, a raíz dos devanditos datos
de participación e resolución, amosou a súa satisfacción polos
resultados obtidos até a data e agradeceu “a importante
participación cidadá que demostra a implicación e interese dos
cidadáns polo seu municipio”.