Vine anuncia o seu futuro peche

xoves, 27 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Nas últimas semanas vimos como Twitter estaba a buscar abertamente un comprador, pero a compañía non consegue amosar uns resultados económicos que consigan convencer a futuros compradores, o que está a levar a tomar medidas drásticas, como o despedimento dun 9% do seu cadro de persoal e incluso actuacións que afectan directamente aos usuarios finais, como sería o peche de Vine, plataforma móbil que fíxose famosa no seu día por permitir compartir vídeos de só 6 segundos de duración, conseguindo popularizar un formato de vídeos breves que agora están presentes en tantas plataformas (dende Instagram até Twitter) de xeito que o servizo que leva uns catro anos activos deixará de funcionar definitivamente nos vindeiros meses.
Polo momento a aplicación de Vine continuará a funcionar como sempre, pero decidiron ir avisando do futuro peche do servizo para que os usuarios poidan proceder a copiar os seus Vines actuais e facer que este peche non resulte demasiado traumático, de xeito que os creadores que adoptan esta plataforma (entre os que hai un importante número de viners que poderían considerarse microcelebridades) teñan tempo dabondo para mudar a súa estratexia de comunicación e así facilitarlles a mudanza a outros servizos.
Nas vindeiras semanas darán máis detalles sobre a data e os pasos que seguirá o cesamento do funcionamento dun servizo que trunfou temporalmente pola súa idea fresca de compartir vídeos de curta duración, pero que veuse superada pola facilidade coa que as plataformas competidoras copiaban descaradamente este concepto, de aí que poida considerarse relativamente normal que optasen polo desmantelamento dun servizo redundante e con poucas esperanzas de supervivencia.

PUBLICIDADE