Vitae achega en novembro e decembro un curso sobre avaliación do desempeño (deseño e aplicación)

mércores, 30 de outubro do 2024 S. P.

Este outono a consultora galega Vitae vai organizar un novo curso destinado a mellorar o noso día a día profesional e empresarial: o curso A Avaliación do Desempeño: Deseño e Aplicación. Celebrarase os días 26 e 27 de novembro e, tamén, os días 10 e 11 de decembro, e terá 12 horas de duración. Desenvolverase en formato de aula virtual e será impartido pola experta Silvia Moscoso, que adianta que “a avaliación do desempeño é o proceso destinado a determinar e comunicar aos empregados a forma en que están a desenvolver o seu traballo”.
Engade que as avaliacións do desempeño teñen “un papel clave na xestión de recursos humanos e nas relacións humanas dentro da organización”, e que “ademais de favorecer a comunicación entre avaliador e avaliado, poden permitir descubrir lagoas de información sobre os empregados, orientan a formación, melloran o desempeño e facilitan a integración no grupo de traballo, reforzan o rol de líderes e supervisores, ao mesmo tempo que poñen en marcha mecanismos de automotivación”.
En definitiva, o desempeño laboral inclúe gran cantidade de condutas, accións e actividades fundamentais para as organizacións que van máis aló da execución das tarefas e funcións dun posto de traballo.
Vitae adianta que hoxe en día cando falamos de desempeño, referímonos a catro dimensións do mesmo: desempeño de tarefa, contextual, organizacional e creativo-innovador, sendo (especialmente) as dúas primeiras fundamentais no desenvolvemento e aplicación dos sistemas de avaliación do desempeño nas organizacións.
Obxectivos
-Comprender o concepto de desempeño e as súas dimensións.
-Coñecer a relevancia da avaliación do desempeño nas organizacións.
-Coñecer a importancia da comunicación no momento de implantar un sistema de avaliación do desempeño.
-Coñecer os diferentes sistemas e métodos de avaliación do desempeño.
-Aprender a deseñar un sistema de avaliación do desempeño.
-Saber aplicar un sistema de avaliación do desempeño: a avaliación.
-Aprender a levar a cabo unha entrevista de desempeño e proporcionar feedback.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Silvia Moscoso, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, catedrática de Psicoloxía do Traballo na USC, sendo o seu ámbito de investigación a Psicoloxía do Traballo e as Organizacións. Foi Decana da facultade de Relacións laborais desde o ano 2012 ata o 2023. Ten catro sexenios de investigación e un de transferencia do coñecemento.
Publicou máis de cincuenta artigos en revistas de prestixio como o Journal of Personality and Social Psychology, Journal of Applied Psychology, Personnel Psychology, International Journal os Selection and Assessment, European Journal of Work and Organizational Psychology ou o European Journal of Personality. Coautora de libros e capítulos de libros publicados en editoriais como Prentice-Hall, Edition dea Organization París, Routlege, Springer, Wiley-Blackwell, Psychology Press, Pirámide, Sainz e Torres. Investigadora principal en varios proxectos de investigación do Plan Nacional de I+D. Experiencia en xestión investigadora, foi coordinadora adxunta da AEI (Axencia Estatal de Investigación) para a área de Psicoloxía entre os anos 2012 e 2015. Actualmente é editora asociada do Journal of Work and Organizational Psychology e membro do Editorial Board do Journal of Occupational and Organizational Psychology e do International Journal of Selection and Assessment. Membro da American Psychological Association, a Society of Industrial and Organizational Psychology e da European Associaton of Work and Organizational Psychology. É revisora ad hoc de revistas como o European Journal of Work and Organizational Psychology, Personality and Individual Differences e do Spanish Journal of Psychology.<