Vitae adéstranos nas moitas posibilidades do software Docker e dos contedores

luns, 30 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

As tecnoloxías innovadoras de contedores teñen demostrado un importante potencial para as nosas empresas e administracións, contribuíndo á súa axilidade e a ser máis competitivas e innovadoras. Por outra banda, ten dado múltiples probas de eficacia á hora de “axudar” ás empresas que non estaban afianzadas plenamente no dixital a consolidarse integramente nas TIC. Introducir de cheo estas posibilidades no noso tecido profesional é o gran obxectivo do Curso en aberto Docker e Contedores (PDF), que organiza Vitae Consultores na Coruña. Segundo explica a organización desta actividade formativa, os contedores e Docker (proxecto de software libre encamiñado a automatizar o despregue de aplicacións dentro de contedores de programa) teñen revolucionado a forma de correr aplicacións a escala. Ademais, benefician no desenvolvemento e nas probas de ferramentas informáticas. Este é o alicerce do devandito curso, que se celebra o 24 e o 25 de novembro e o 1 e 2 de decembro no Hotel Attica 21 da Coruña.
Segundo explican dende Vitae, “usando contedores pódense executar procesos totalmente illados cunha mínima sobrecarga, maior velocidade con respecto a máquinas virtuais, configuración máis sinxela e menor complexidade”. Por se isto fose pouco, nos eidos do desenvolvemento e do testing, os contedores permiten execucións en escenarios totalmente novos eliminando os problemas causados polo contorno, á vez que permiten reempregar imaxes de contedores para unha manchea de tarefas.
En definitiva, estes son os obxectivos do curso: aprender a usar Docker para o desenvolvemento de ferramentas e servizos en si mesmo, para a realización de probas (testing) ou para o que se coñece como continuous delivery (que é como se coñece en termos informáticos o proceso de poder ceibar software estábel de maneira rápida, o que se basea, á súa vez, na adopción de metodoloxías eficaces de automatizado).
O obradoiro está dirixido a profesionais do desenvolvemento, o testing e as operacións de software.
O curso virá da man de Carlos Sánchez, profesional con máis de 12 anos de experiencia en diferentes firmas innovadoras con sede en California, onde se especializou na automatización de programas, dende ferramentas de desenvolvemento ao devandito concepto de continuous delivery. Sánchez é un profesional moi involucrado no ámbito do software libre e é membro da Apache Software Foundation, entre outros grupos e comunidades, dende onde contribúe a unha manchea de proxectos de gran importancia, como Jenkins, Apache Maven ou Puppet.
A día de hoxe traballa en CloudBees escalando a plataforma Jenkins. Ten achegado múltiples relatorios e conferencias por todo o mundo, incluíndo ApacheCON, JavaOne, PuppeCon ou Fosdem. Entre as entidades que ten asesorado atópanse American Express, Wells Fargo ou o Goberno dos Estados Unidos.

PUBLICIDADE