Vitae bríndanos unha nova oportunidade para tirarmos o máximo proveito dunha ferramenta de proveito: Angular 5

martes, 6 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A creación informática é un camiño de inventiva: non só creamos os programas que desexamos crear, senón que temos que probar, cada pouco, a facelas mellor, máis eficaz e rapidamente, con menor esforzo e, ao mesmo tempo, en mellor sintonía cos clientes e destinatarios últimos dos nosos proxectos. Co fin de achandar o camiño que pisamos, Vitae Consultores vai organizar os vindeiros días na Coruña (Hotel Attica 21) a sexta edición do Curso Angular 5 con TypeScript e Observables, un obradoiro de 20 horas previsto para os días 2, 3, 9 e 10 de marzo. O obradoiro, como o seu nome indica, está concibido para que lle saquemos o máximo rendemento a Angular 5, que, segundo Vitae, é o esquema de traballo de aplicacións JavaScript máis estendido e reputado do mundo.
Como valor engadido, a versión 5 do esquema de traballo brilla con luz propia: é o produto dunha reprogramación integral, dando como resultado un innovador framework que é, tamén, “unha plataforma de desenvolvemento de calidade empresarial e capacidade de evolución sen precedentes”, informa a consultora galega.
Entre as características e principais vantaxes de Angular 5 atópanse as seguintes: promove o emprego de TypeScript como linguaxe de partida, ten vocación de saír do navegador (conquistando servidores, escritores e teléfonos móbiles) e acompáñase de ferramentas de desenvolvemento, probas e guías de programación. Ademais, ten ao seu arredor, velando pola súa calidade, evolución e dispoñibilidade, un ecosistema-comunidade internacional a gran escala.
Segundo nos conta Vitae, os obxectivos do curso pasan por axudarnos a actualizar os nosos coñecementos para “estar á altura deste novo reto”, amais de ensinarnos os fundamentos e achegarnos as claves “para comezar a crear as aplicacións web do futuro”. Nun plano máis detallado, coñeceremos as mellores estratexias de migración ou convivencia con versións 1.x para optimizar o esforzo e o rendemento das aplicacións migradas ou híbridas, facendo fincapé en cal sería a mellor opción a elixir, mudar ou convivir segundo o escenario de partida.
En termos aínda máis concretos, desenvolveremos aplicacións multiplataforma con Angular 5, empregaremos TypeScript, dominaremos o novo renderizador deseñado para o máximo rendemento ou coñeceremos a arquitectura de grandes aplicacións baseada en módulos que agrupan compoñentes e inxección de servizos.
O curso está especialmente dirixido a programadores de aplicacións web e programadores de backend, aplicacións móbiles ou deseñadores web. Segundo lembra Vitae, é necesario que os participantes atesouren un coñecemento básico de JavaScript e HTML.
O obradoiro terá unha duración de 20 horas e presentará un enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.

PUBLICIDADE