Vitae fornece un avanzado programa formativo para adestrarnos na arte de xestionar proxectos TI

luns, 9 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasqueta

Vitae Consultores vén de informar de que está a pór en xogo os seus recursos e experiencia en formación TIC avanzada para adestrar ás nosas empresas, in situ, nas principais e máis salientábeis metodoloxías de desenvolvemento e manexo de proxectos tecnolóxicos. Segundo informa Vitae, o Programa In Company da Arte de Xestionar Proxectos TIC foi elaborado sobre unha base inmellorábel: unha experiencia formativa de seu con máis de 1.200 profesionais en xestión, dos que un milleiro eran do sector tecnolóxico-dixital e douscentos pertencían a outros sectores. O dito programa, dirixido principalmente a directores, responsábeis e xefes de proxecto, ten o obxectivo básico de “equipalas/os” coa mellor visión de negocio posíbel e cos recursos precisos para conseguir, nas iniciativas empresariais que manexen e coordinen, os mellores resultados en custes, calidade e prazos.
Segundo informa Vitae, “a xestión de proxectos é unha das actividades con meirande grao de tensión e desgaste profesional”. Deste xeito, “á alta complexidade e competitividade do mercado, engádese a necesidade de xestionar persoas e afrontar situacións de crises e conflitos”. Por esta razón, sinala Vitae a respecto do seu ambicioso programa formativo, “o dominio de metodoloxías, habilidades e técnicas que axuden a equilibrar as esixentes demandas da función cos recursos das persoas é unha garantía de mellora no desempeño”. O programa, explica Vitae, ten como obxectivo dotar aos profesionais en dirección de xestión de proxectos TI de recursos eficaces en tres áreas: metodoloxías de manexo e coordinación de iniciativas empresariais, habilidades persoais e ferramentas de especialización.
Nun plano máis concreto, o miolo do programa abrangue contidos como dirección e xestión baixo a metodoloxía PMI con Microsoft Project, metodoloxías áxiles (Scrum) e filosofía Lean (Kanban e ScrumBan), xestión dos servizos TIC e externalización, xestión de multiproxectos, recursos de motivación e automotivación, resolución de conflitos, comunicación e persuasión, ferramentas para facer presentacións e comunicacións eficaces, técnicas e habilidades humanas na toma de requirimentos, traballo equipo, recursos para a xestión do estrés, etc.
A nivel de profesionais formativos, contarase coa presenza activa de Carlos González Jardón (enxeñeiro técnico en Informática de Xestión pola Universidade de Vigo e PMP polo Project Management Institute dende febreiro de 2005, amais de membro do PMI e da entidade galega CPETIG), Josefina Alonso Nocelo (enxeñeira superior en Informática, arestora responsábel de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional na dirección de Electrónica e HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG) e Marcos Carbonell García (profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos, amais de ser socio director de Vitae Consultores dende 2006).

PUBLICIDADE