Vitae mostra as chaves para unha óptima selección de profesionais TI

martes, 12 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores quere que as nosas empresas e profesionais se acheguen o máximo posíbel ás correntes da avaliación de profesionais máis innovadoras, correntes que pasan (si ou si) polo autocoñecemento e o autorecoñecemento como primeiro elo da cadea de selección. Nesta liña insírese a oitava edición do Curso Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia (PDF), que Vitae organiza os vindeiros días (23, 24, 30 e 31 de outubro, en horario de 16.00 a 21.00 horas) no Hotel Attica 21 Coruña. A actividade, que terá unha duración de 20 horas, está especialmente dirixida a directores de proxectos e profesionais de recursos humanos. Proporcionaralles 18 PDU (Unidades de Desenvolvemento Profesional, polas súas siglas en inglés Professional Development Unit) a validar polo PMI (Project Management Institute).
O curso, segundo explica Vitae Consultores, pretende contrarrestar unha das principais eivas dos modelos de análise profesional máis estendidos, que non adoitan capacitar aos axentes de avaliación coas ferramentas psicolóxicas básicas para estimar que tipo de talentos ten un profesional. “Isto”, sinala a consultora galega, “implica que toda metodoloxía falle, pois fallou previamente o alicerce da mesma, é dicir, quen avalía non foi formado nin capacitado para esta tarefa”. En base a este punto, explica Vitae, o primeiro paso para calibrar a outro profesional será aprender a calibrarnos a nós mesmos. “Coñecéndonos deste xeito acadaremos meirande obxectividade na avaliación doutras persoas”, sinalan dende a consultora, engadindo que neste curso subministraranse as ferramentas e recursos máis indicados para lograr o autocoñecemento e para o exame doutros profesionais, sexa cal sexa o modelo de avaliación do desempeño do que se bote finalmente man.
Para Vitae, é unha realidade incontestábel que o sector das novas tecnoloxías da información (o sector TI) demanda cada vez máis profesionais dos dispoñíbeis no mercado laboral, o que xera tensións nas empresas en canto a dar cumprido cos compromisos profesionais en calidade e prazo cos clientes de seu e en controlar os custes salariais e a equidade interna dos mesmos.
O curso que presenta Vitae céntrase “na eficacia, en que facer, máis que na eficiencia, en como facer, para seleccionar candidatas/os e avaliar o desempeño dos nosos profesionais en contornas de escaseza de traballadores, aínda que ambas as facetas, a eficacia e a eficiencia, son necesarias para o éxito nos procesos de selección e avaliación”.
En definitiva, neste curso proporcionarase un método e unhas ferramentas coas “que se conseguiu unha porcentaxe de éxito de máis do 90% en selección de perfís TI, incluíndo perfís técnicos, perfís de xefes de proxectos, perfís de desenvolvemento de negocio e perfís de alta dirección”, informan os organizadores do obradoiro.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos.

PUBLICIDADE