Vitae salienta con dúas xornadas as vantaxes de sermos profesionais TIC con saúde

mércores, 22 de febreiro do 2017 Redacción

O vindeiro mes de marzo, Vitae Consultores organiza na Coruña (o día 23) e en Vigo (o día 24) dúas xornadas en aberto centradas na saúde das persoas e organizacións. A intención da consultora tecnolóxica galega, moi centrada en actualizar os contidos dos nosos profesionais en relación coas máis avanzadas ferramentas e tendencias dixitais, é “mellorar a saúde das nosas empresas comezando pola dos seus empregados”, e todo isto “nun panorama cada vez máis competitivo onde hai aspectos que marcan a diferenza”. E o benestar de cada quen é sen dúbida un destes aspectos, explican dende Vitae.
O curso, de feito, vai dirixido a todos os empregados das organizacións do sector TIC (aínda que tamén doutros sectores lindeiros) preocupados pola súa saúde e motivados para aumentar a súa produtividade e rendemento no traballo, “sen importan cal sexa a súa función ou o seu nivel directivo. En palabras dos organizadores destas xornadas, “un pobre estado de saúde inflúe moi negativamente en procesos cognitivos clave no traballo diario dun líder”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será o adestrador Gonzalo Álvarez Marañón. Ao longo das sesións fará fincapé nos que serían os catros piares da saúde profesional: comer “comida real”, movernos, descansar e meditar. Segundo avanza o adestrador, “só vivindo unha vida máis plena, rebordante de enerxía e con propósito, “produciremos un xiro importante nas organizacións”. E engade: “O cambio duradeiro non opera desde fóra, senón que se estende desde o interior.
Amais deste curso, Vitae tamén informa que este mes de marzo vai formar aos empregados “dunha importante entidade pública” en dirección e xestión de proxectos tecnolóxico-dixitais áxiles con Scrum. A esta actividade séguelle a organización de dúas máis en aberto, na Coruña e en Vigo: Programación Profesional de APP Multiplataforma con Ionic2 e Avaliación e Selección Avanzada de Perfís TI (e non TI) baseadas na Neurociencia.
Vitae continúa desta maneira confirmando e ampliando a súa misión de “mellorar a formación e capacitación dos nosos profesionais e empresas no sector TI centrándose na mesma medida nos aspectos humanos e organizativos que nos aspectos tecnolóxicos”. Trátase, en palabras da consultora-academia, de salientar (nin máis nin menos) “o lado humano da tecnoloxía”.

PUBLICIDADE