Vodafone e IBM impulsarán un centro tecnolóxico-social en Ourense

martes, 26 de xullo do 2016 Redacción

Seguimos dando conta do compromiso recente de Vodafone coa nosa terra, logo de anunciar a semana pasada a súa colaboración coa Xunta para crear no Gaiás nunha iniciativa de apoio ás tecnoloxías universais e accesíbeis. Segundo puidemos saber, a operadora de telecomunicacións tamén vai colaborar estreitamente coa Deputación de Ourense para impulsar as novas tecnoloxías sociais e accesíbeis dende a provincia e xerar emprego de calidade. Farao en cooperación, tamén, coa multinacional IBM. Segundo informou a entidade que preside Manuel Baltar, as dúas compañías “impulsarán a creación dun centro tecnolóxico para a innovación, co obxectivo de crear novas oportunidades de progreso económico e social na provincia”. O convenio de colaboración Provincia Intelixente asinouse o pasado venres.
O acordo foi formalizado polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o director xeral de Vodafone España, Diego Torrico, e a directora de Tecnoloxía e Innovación de IBM España, Elisa Martín. Baltar dixo na súa intervención que a sinatura deste convenio entre a Deputación de Ourense e dúas compañías punteiras da tecnoloxía mundial “permitirá establecer estratexias no ámbito da innovación para o desenvolvemento tecnolóxico da provincia de Ourense”. Segundo engadiu e salientaron tamén os ditos directivos, esta alianza ten a súa razón de ser “na innovación que a Deputación de Ourense leva a cabo nas iniciativas de servizos cidadáns, ofrecendo á veciñanza mellores e máis accesíbeis servizos con independencia do lugar no que residan, sexa na capital, ou en calquera outro punto xeográfico da provincia de Ourense”.
Nun plano máis concreto, o convenio Provincia Intelixente ten como finalidade establecer novas vías de traballo entre a Deputación de Ourense, Vodafone e IBM mediante “un uso innovador das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC)” para consolidar “un novo modelo produtivo que mellore a actividade económica e a creación de emprego na provincia de Ourense”. O desenvolvemento da iniciativa abranguerá sesións de divulgación e formación para analizar os principais factores que poden impulsar a “transformación dixital de Ourense”, explicou Baltar, que lembrou que os concellos recibiran ao abeiro destes traballos asesoramento e consultoría específica para levar a cabo accións de innovación dixital nas súas respectivas áreas de actuación.
O miolo do acordo é a futura creación dun Centro Tecnolóxico en Ourense, para o cal encetarase un estudo de viabilidade. Este centro tería como fin o desenvolvemento do Sistema de Xestión e Operacións Municipais da Provincia de Ourense, ademais de ser un núcleo integrador de actividades que desenvolvan tecnoloxías de última xeración. Por exemplo recursos baseados na Internet das Cousas e aplicacións móbiles cidadáns.
Segundo engadiron, o acordo de colaboración tamén está aberto á participación de terceiras institucións e empresas, así como a entidades estatais e internacionais que desexen contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico da provincia.
O convenio asinado permitirá, en palabras de Manuel Baltar, “pór a disposición da Administración Provincial e dos concellos as últimas tecnoloxías da información e analizar o seu posíbel impacto con dous focos principais: mellorar a eficiencia da Administración e a relación cos cidadáns”. Tamén recordou que á primeira vez que Vodafone, IBM e a Deputación de Ourense unen as súas estratexias nun modelo de Provincia Intelixente.
Pola súa banda, Diego Torrico, director xeral de Vodafone España, amosou a súa satisfacción por “formar parte desta iniciativa para fomentar o desenvolvemento tecnolóxico de Ourense, e converter a esta provincia nun referente en transformación dixital". Con este acordo –engadiu- “queremos dotar a provincia dos servizos máis innovadores con todas as posibilidades que nos brindan as novas tecnoloxías”.
Finalmente, Elisa Martín Garijo, directora de Tecnoloxía e Innovación de IBM España, dixo que o convenio asinado “é unha iniciativa para crear oportunidades, porque a estes tres socios de viaxe tecnolóxico únenos a palabra innovación”. E engadiu: “As cousas acontecen onde están os recursos e iso atrae ao talento; somos parte da provincia de Ourense e queremos seguir apostando por ela, porque sabemos do seu espírito e talento tecnolóxico, e aquí desexamos levar a cabo este espazo de innovación en favor dos cidadáns e das empresas”.

PUBLICIDADE