Vodafone presenta Call+, un servizo de voz sobre LTE con moita marxe multimedia

luns, 2 de marzo do 2015 Redacción

Vodafone España presentou esta fin de semana o servizo Call+, unha iniciativa encamiñada a mellorar a experiencia de chamada dos usuarios, posibilitando compartir fotografías, contactos, mapas e vídeos en tempo real. Segundo apunta a operadora, trátase dunha mestura entre servizo de mensaxería instantánea (iso de permitir enviar e recibir imaxes ou outro tipo de arquivos e de que se poida facer ao momento) e servizo tradicional de voz, un factor de comunicación que Vodafone quere reivindicar a través de Call+ por ser “moito máis emocional e persoal”. Ou sexa, porque coa voz redúcese o factor de incerteza sobre o estado de ánimo do noso interlocutor (cousa que con servizos de escrita costa máis deducir).
Call+, sinala a compañía, utiliza a tecnoloxía voz sobre LTE, VoLTE, que é un novo estándar da industria das telecomunicacións que, a xuízo de Vodafone, é “cen por cen interoperábel (apoiado pola GSMA) e permite realizar e recibir chamadas a través dunha conexión de datos coa fiabilidade e seguridade da rede 4G de Vodafone”. E engade a empresa: “O uso de VoLTE permitirá aos clientes de Vodafone España por primeira vez gozar de servizos de datos durante unha chamada de voz”.
No que se refire ao seu funcionamento, consiste primeiro (antes de chamar) en personalizarmos unha chamada e facela máis efectiva con opcións variadas: cousas como definir a importancia do reclamo, engadir un asunto, enviar a localización ou achegar unha imaxe. Logo, o destinatario que recibe a chamada poderá ver toda esta información na pantalla do seu teléfono xunto ao nome do contacto que lle chama. Durante a conversa, sinala Vodafone, poderemos tirar partido da tecnoloxía 4G. Así, mentres falamos, estaremos en disposición de enviar arquivos, fotos, vídeos, datos sobre a nosa localización actual ou engadir vídeo en en tempo real á chamada. A operadora ten proxectado permitir, no futuro, que os interlocutores poidan escoitar unha canción ou ver un álbum de fotos ao mesmo tempo.
Despois da conversa, todos os datos compartidos estarán dispoñíbeis no rexistro. Ademais, nos reclamos non contestados, o emisor pode gravar ou escribir unha mensaxe para que o receptor poida escoitalo ou lelo desde a notificación da chamada perdida.
Call+, na súa versión aplicación, estará accesíbeis para beta testers con dispositivos con Android 4.0 ou superior nas vindeiras semanas. A versión definitiva chegará os vindeiros meses.

PUBLICIDADE